"Os novos graos en Enxeñaría Informática deberán favorecer a mobilidade de estudantes e a adaptación dos titulados aos cambios tecnolóxicos do sector"
A adaptación das titulacións do eido da informática ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) deberá paliar as actuais dificultades para a mobilidade internacional destes estudantes, contemplar a formación en competencias transversais e idiomas a paliar a actual rixidez dos títulos para unha mellor adaptación dos profesionais á constante evolución das tecnoloxías da información. Estas son algunhas das reflexións presentadas polo reitor da USC, Senén Barro, na conferencia impartida este xoves 19 na Universidade Politécnica de Valencia para analizar a adaptación dos estudos de enxeñaría informática ao EEES.
A día de hoxe son oito as titulacións en Enxeñaría de Informática que imparten os seus estudos xa adoptados á forma do grao, aos que en breve se lle sumarán outros nove. No percorrido pola situación actual e perspectivas de futuro deste estudos, Barro destacou que se trata dunha opción formativa que contempla tres opcións curriculares como son Enxeñaría Informática, Técnica en Informática de Sistemas e de Xestión. A oferta abrangue orientacións profesionais diversas como son formación técnica, software, sistemas e redes, dirección e xestión ou mesmo a especialización por área, profesión ou área de aplicación.
Mirando cara á forma adaptada por estes estudos universitarios fóra das fronteiras de España, o reitor da USC subliñou a falta de homoxeneidade, tanto na denominación como na orientación dos títulos, cunha carga docente moi variable dun país a outro.
Realidade profesionalNun contexto de crise económica internacional, o emprego de titulados na área das tecnoloxías da Información aumentou en 1,2 por cento, fronte á caída nos demais sectores produtivos, e a cifra de negocio deste sector medrou nun 0,5 por cento respecto a setembro de 2007.
A realidade profesional contrasta, segundo expuxo Barro, coa académica xa que en 2009-2010 haberá cerca dun 32 por cento menos de titulados nos centros de informática e telecomunicacións –uns 8.000- que no curso 2005-2006 e, concretamente, un 21 por cento menos de matrícula en Enxeñaría Informática. No conxunto das enxeñarías, o 30 por cento dos seus estudantes cursan estudos de informática, cen mil estudantes en 81 centros.
Co obxecto de facilitar o exercicio profesional dos futuros titulados Senén Barro avoga pola definición de graos máis orientados ao exercicio profesional, maior flexibilidade nas modificacións do plan de estudos para adaptarse á evolución tecnolóxica do sector, máis facilidades para a mobilidade, títulos facilmente recoñecibles e programas de prácticas e desenvolvemento de proxectos en empresas.