Ir o contido principal
Este portal emprega cookies propias ou de terceiros con fins analíticos, así como ligazóns a portais de terceiros para poder compartir contido nas redes sociais. Pode obter máis información na <a href="https://assets.usc.gal/gl/aviso-legal">política de cookies</a>.

Os novos membros do Consello de Dirección da USC tomaron posesión dos seus cargos

O acto protocolario de toma de posesión dos novos integrantes do Consello de Dirección da USC puxo fin este venres 3 á reorganización do goberno universitario desenvolvida polo reitor compostelán Senén Barro.
No Colexio de Fonseca prometeron os seus cargos Elvira Fidalgo, vicerreitora de Cultura; Agustín Merino, de Política Internacional; Juan Viaño, vicerreitor de Profesorado e Organización Académica; e Miguel A. Vázquez Taín, que asume a nova Vicerreitoría de Economía, Financiamento e Infraestruturas. A eles sumáronse ademais Marta Inés Miranda Castañón, vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, e Jesús Antonio Casabiell Pintos, de Investigación e Proxección Exterior, ambos os dous para o Campus de Lugo.
No transcurso da sesión, o reitor agradeceu tanto o traballo realizado ata agora polos vicerreitores saíntes como a “valentía e xenerosidade dos que hoxe se incorporan a este proxecto”. Para Barro os principais retos que a USC e o conxunto das universidades teñen por diante xiran ao redor dos espazos europeos de Educación e de Investigación. “É preciso aproveitar esta situación para acadar unha institución sensiblemente mellor en todos os ámbitos”, demandou.
A reorganización realizada completa “un equipo que dende hoxe mesmo –subliñou o reitor- vai estar ao servizo de todos e cada un dos integrantes da comunidade universitaria”. Rematou Senén Barro facendo un chamamento ao colectivo universitario para que “axude a que este equipo faga o seu traballo” porque “estarán axudando ao progreso da institución”.
Agustín MerinoLicenciado en Bioloxía e doutor pola USC en 1993 en Edafoloxía e Química Agrícola. Posdoutorado na Universidade de Göttingen polo programa Human Capital and Mobility. Axudante desde 1995 e profesor titular desde 1998. Desenvolve a súa actividade investigadora en temas como a choiva aceda, o cambio climático e o estudo dos sistemas forestais.
Mantén colaboracións en actividades docentes e investigadoras con centros de Alemaña, Francia, Irlanda, Finlandia, Grecia, Portugal e Guatemala. Ademais é responsable de programas docentes da UE sobre conservación de chans, coordinador da acción COST forest management and water, vicepresidente do Instituto Europeo do Bosque Cultivado é editor do European Journal of Forest Research.
Juan Manuel Viaño Rey. Sergude-Boqueixón (A Coruña, 1955).

Doutor en Matemáticas pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Pierre et Marie Curie de París. Catedrático en Matemática Aplicada, ocupaba dende o ano 2001 o decanato da Facultade de Matemáticas, cargo que compaxinou co de presidente da Conferencia Española de Decanos e Directores de Matemáticas (2006-2008) e de Coordinador do Colexio de Decanos da Universidade de Santiago de Compostela (2008-2009).
Ademais, foi director do Departamento de Matemática Aplicada e do Instituto de Matemáticas, así como membro do Grupo de Traballo nomeado pola CRUE para a elaboración do Libro Branco sobre a Integración dos Estudos Españois de Matemáticas no Espazo Europeo de Ensinanza Superior e do Comité Asesor en Física e Matemáticas para Evaluación de la Actividad Investigadora do Ministerio de Educación e Cultura.
É investigador principal en catro proxectos europeos, nove proxectos nacionais, tres contratos de investigación e dúas accións integradas e autor de seis libros de investigación e docencia. Ata o momento, ten dirixido dez teses de doutoramento e quince traballos de investigación tutelados. Foi presidente do Comité Organizador da Asemblea Xeral da Unión Matemática Internacional (IMU) celebrada en Santiago de Compostela en 2006 e membro do Comité Científico do International Congress of Mathematicians (ICM)-Madrid-2006.
Elvira Fidalgo Francisco. Flariz de Monterrei (Ourense, 1962)
Licenciada e doutora en Filoloxía Románica pola USC. É profesora titular do Departamento de Filoloxía Galega dende 1996. É autora de catro libros aos que se suman preto dunha decena de artigos de libros nos últimos cinco anos de diversos artigos e colaboracións en publicacións especializadas.
Actualmente, xa no eido investigador é membro de tres proxectos de investigación de financiamento autónomo e estatal.
Miguel Ángel Vázquez Taín.A Merca (Ourense, 1966)
Licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e premio extraordinario de Licenciatura. Foi o primeiro vicedecano alumno da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Na actualidade é profesor titular de Economía Pública do Departamento de Economía Aplicada e vicerreitor de Economía e Financiamento dende o ano 2002.
As súas áreas de investigación e consultaría están relacionadas coas facendas locais, fiscalidade empresarial e de cooperativas, fiscalidade e integración económica, operativa contable e fiscal de entidades públicas.
Jesús Antonio Casabiell Pintos. Negreira (A Coruña, 1962)
Licenciado e doutor en Medicina e Cirurxía pola USC. Realizou unha estadía posdoutoral no Memorial Sloan-Kettering Cancer Center (New York) como Charles A. Dana Fellow entre 1992 e 1994.
Investigador contratado no Hospital Xeral de Galicia entre 1995 e 1999, de xeito paralelo inicia a súa etapa docente como profesor Asociado no Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais da USC (1997) e no Departamento de Fisioloxía (1998-2000). Alcanzará a titularidade no Departamento de Fisioloxía en 2002. No relativo a postos de xestión ocupados, Casabiell Pintos é o actual coordinador da RIAIDT no Campus de Lugo dende o mes de marzo de 2007.
Os seus traballos de investigación céntranse fundamentalmente en aspectos relacionados coa sinalización intracelular, a regulación do estado nutricional, ácidos graxos e función endotelial e alimentos funcionais.
Marta I. Miranda CastañónLicenciada e doutora en Veterinaria pola USC, actualmente é profesora titular do Departamento de Ciencias Veterinarias, con docencia na materia Patoloxía Médica e da Nutrición impartida no 5º curso da licenciatura en Veterinaria.
Centrou a súa investigación no Metabolismo mineral en rumiantes sen esquecer a faceta clínica, sendo na actualidade colaboradora clínica para o desenvolvemento da docencia práctica no Servizo Ambulante de Animais de Renta do Hospital Clínico Veterinario Universitario Rof-Codina.
Participou en nove proxectos de investigación, e codirixiu dúas teses de doutoramento, ás que se suman outras dúas que actualmente en desenvolvemento e outros tantos Traballos de Investigación Tutelados. É autora de máis de 40 artigos internacionais do JCR, 44 nacionais e capítulos de libro. Durante a súa etapa de formación e xa como profesora realizou estadías en centros estranxeiros (Reino Unido, Cambridge, e Holanda, Utrecht) e nacionais para o apoio da docencia e investigación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.04.2009.