Tres novos proxectos europeos reforzan o compromiso de EqualSea Lab coa sustentabilidade mariña

EqualSea Lab, do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela, continúa avanzando cara a un futuro máis sustentable e resiliente para os ecosistemas mariños de Europa de xeito que comezará a participar en tres novos proxectos financiados pola Comisión Europea -ECOC25, SEAMPHONI e INSPIRE-, cun orzamento total que supera os 15 millóns de euros.
EcoC2S
EcoC2S (Servizos ecosistémicos para mellorar a resiliencia das rexións e comunidades costeiras fronte a riscos de inundación desde unha perspectiva da conca ao mar) busca fortalecer comunidades e rexións ante riscos de inundación agravados polo cambio climático. Para iso, empregaranse servizos ecosistémicos e solucións baseados na natureza, xunto con metodoloxías innovadoras para a avaliación de riscos e o deseño de estratexias de mitigación. Cunha duración de 36 meses e un orzamento de máis dun millón de euros, xunto coa USC participan as Universidades de Granada (España), Politecnica delle Marche (Italia), Lusófona (Portugal), Instituto de Tecnoloxía de Karlsruhe (Alemaña) e Instituto de Xeofísica da Academia Polaca de Ciencias (Polonia).
A través da colaboración con actores locais, o proxecto identificará lagoas de coñecemento e analizará a interacción entre factores xeofísicos, atmosféricos e mariños. Ademais, desenvolverá ferramentas tecnolóxicas e científicas para a xestión costeira, promovendo a transferencia de resultados a nivel europeo e internacional mediante Comunidades de Práctica, que facilitarán a adopción de solucións e a aprendizaxe colectiva.
Seamphoni
Cun orzamento de 11 millóns de euros e un horizonte a catro anos, o proxecto Seamphoni ‘Fortalecemento da Avaliación e o Monitoreo Baseados en Ecosistemas para Hábitats Protexidos en Áreas Mariñas Offshore e Novas AMP Identificadas’ que coordina a Politécnica de Catalunya, busca protexer as áreas mariñas offshore desprotexidas mediante tecnoloxías innovadoras de monitoreo (ADN ambiental, acústica e imaxes submarinas) integradas nun Xemelgo Dixital Mariño Intelixente interoperable co Xemelgo Dixital do Océano Europeo.
Este sistema permitirá mapear con maior precisión os mares europeos, monitorear a biodiversidade de forma continua e desenvolver modelos preditivos sostibles para priorizar áreas protexidas e avaliar a saúde dos ecosistemas. Ademais, abordará a complexidade do marco regulatorio mariño e reforzará a coordinación entre xurisdicións.
SEAMPHONI tamén enfrontará a desconexión emocional entre a sociedade e os ecosistemas mariños remotos mediante unha estratexia artística innovadora, fomentando a sensibilización e o compromiso cidadán coa conservación mariña e avanzando cara ás metas do Marco Mundial de Biodiversidade 2030.
INSPIRI
Pola súa banda, Inspiri ‘Narrativas e escenarios imaxinativos para inspirar a restauración e innovación nos mares e sistemas hídricos europeos’ busca superar barreiras de gobernanza que limitan o avance cara aos obxectivos climáticos, de biodiversidade e de contaminación da UE combinando ciencia e arte para inspirar cambios significativos. A través de métodos participativos, modelado de escenarios e estudios de casos se co crearán futuros sostibles para as augas europeas, aliñados cos obxectivos do Green Deal Europeo e a Misión Restaurar os Nosos Océanos e Augas.
Cunha duración de 36 meses e un orzamento de 3 millóns de euros, promoverá o compromiso de políticos e cidadanía a través de varias iniciativas dinámicas e creativas como os Transformation Labs, a creación de ferramentas visuais e narrativas, unha plataforma interactiva de arte-ciencia e un festival, entre outros. Os casos de estudo do proxecto enfócanse en tres rexións clave: o Delta do Danubio, a costa Atlántica e o Mar Báltico.
Xunto coa USC, neste proxecto participan oito institucións europeas que combinan coñecementos científicos e técnicos en investigación, conservación e desenvolvemento sostible para a restauración e innovación nos mares e sistemas hídricos europeos: o Znanstveno-Raziskovalno Središče Koper (ZRS) de Eslovenia, Stockholms Universitet (SU) de Suecia, Internationales Institut für Angewandte Systemanalyse (IIASA) de Austria, Institut de Recherche pour le Développement (IRD) de Francia, Consiglio Nazionale delle Ricerche (CNR) de Italia, Planethon AB (PL) de Suecia, Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) de Francia e a Asociația WWF Romania (WWF) de Rumanía.