Novos Talentos Musicais toma o relevo do ciclo de Novos Intérpretes
Este curso ponse en marcha o I Ciclo de Concertos ‘Novos Talentos Musicais’, continuidade do xa rematado Ciclo de Novos Intérpretes organizado durante dúas décadas pola Asociación Galega de Lírica e a USC. Novos Talentos Musicais é unha iniciativa da Asociación Compostela Sound e a USC para a promoción de novos músicos galegos residentes en Galicia ou estudantes de Centros de Música Galegos.
O ciclo está destinado a solistas de todos os instrumentos, cantantes e grupos de música de cámara, de 32 anos de idade máxima. Constará de nove recitais compartidos nos meses de febreiro e marzo de 2017, a celebrar no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia.
A preselección dos candidatos para poder formar parte do ciclo realizarase mediante unha audición. A data límite de inscrición será ata as 23.59 horas do 15 de xaneiro de 2017 e a selección realizarase o 22 de xaneiro seguinte a partir das 11.00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.
A Asociación Compostela Sound promove, fomenta e difunde a música e a cultura, a través de actividades que fomenten aspectos culturais, artísticos e recreativos; así como da organización e programación de proxectos para a formación da mocidade e a educación integral dos mozos mediante o ensino da música e a formación musical.
Para acadar máis información, poden dirixirse ao correo electrónico info [at] compostelasound.com (info[at]compostelasound[dot]com), na páxina de Facebook da Asociación Compostela Sound ou no número de teléfono 626.776.887.