Ir o contido principal

O número 11 da revista Quintana recolecta a opinión de especialistas arredor do tema ‘Arte, natureza e paisaxe’

O número 11 da revista Quintana recolecta a opinión de especialistas arredor do tema ‘Arte, natureza e paisaxe’
O número 11 da revista Quintana recolecta a opinión de especialistas arredor do tema ‘Arte, natureza e paisaxe’
Este novo número marca ademais o cambio de dirección da profesora Marisa Sobrino en favor do profesor Alfredo Vigo

A revista do Departamento de Historia da Arte da USC Quintana presentou este mércores un novo número da colección, o 11, dedicado ao tema ‘Arte, natureza e paisaxe’. Na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia, na presentación interviñeron o decano deste centro, Juan Monterroso; o novo director da publicación, Alfredo Vigo; o director do Departamento de Historia da Arte, Enrique Fernández Castiñeiras; o director do Servizo de Publicación, Juan Blanco; e a ex directora da revista, Marisa Sobrino, ademais dun representante da Deputación da Coruña. Editada dende o ano 2002 baixo a dirección da catedrática Marisa Sobrino, Quintana estrea unha nova etapa baixo a dirección do tamén catedrático de Historia da Arte Alfredo Vigo Trasancos que se reflectirá no vindeiro número. Como ben sucedendo dende a súa orixe, esta revista aborda un tema de xeito monográfico encargado a destacados especialistas internacionais e unha sección de colaboracións de tema libre, na que se ten incrementado de xeito destacado a achega de investigadores/as de universidades de toda España e tamén de Iberoamérica. Como explica Marisa Sobrino na introdución do novo volume, nesta edición Quintana dedícase a un dos campos de investigación máis novedosos e interdisciplinares que se están a desenvolver nos últimos anos. Para achegarse a este eido, a revista compila as contribucións de expertos como Rose Walker, Jean-Marc Besse, José Manuel García Iglesias, Javier Maderuelo e Gilles Tiberghien. Na sección de Colaboracións, de temática libre, inclúense traballos que inciden no tema proposto dende diferentes puntos de vista, nesta ocasión con artigos asinados por Rosa Margarita Cacheda, Alberto Darias, Laura F. Gibellini, Federico López, Pedro Luengo, Xosé Nogueira, Miguel Pazos, Rubén C. Lois, Valerià Paül, Laura Pelayo, Julia Ramírez, Tonia Raquejo ou Miguel Taín. En canto á sección ‘Escritos sobre’, analiza o sucedido en Santiago de Compostela na primeira década do século XX, co gallo da polémica xurdida en torno á restauración da policromía da fachada da Catedral compostelá. O número complétase, na sección Feitos e tendencias, coas reseñas sobre a exposición da paisaxe nórdica no Museo do Prado e a reflexión sobre o obradoiro de comisariado desenvolvido na última edición do Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC. A revista acolle publicacións de investigacións orixinais sobre calquera das especialidades relativas ao campo das artes, incluídas a música e o cine. Ademais, ao longo destes ano ten potenciado as aproximacións interdisciplinares que enriquecen o estudo da historia da arte en ámbitos como a literatura, a xeografía ou a historia cultural. Quintana está incluída no índice de revistas científicas de Humanidades Redalyc, no listado de revistas científicas de Humanidades promovida pola European Science Foundation, índice ERIH, ademais de que entre as revistas de arte de España é a única publicación xunto con Archivo Español de Arte do CSIC que cumpre todos os requisitos de calidade de Latindex. Igualmente, dende 2011 está aceptada para o seu ingreso na base de datos Scopus de Elsevier.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.12.2013.