O novo número da colección Agra Vella céntrase na figura do violinista coruñés Andrés Gaos
A figura do violinista coruñés Andrés Gaos centra o novo número da colección Agra Vella, con ocasión do Ano Gaos que organiza o grupo de investigación Organistrum da USC polo sesenta aniversario do pasamento do violinista coruñés e celebrando a doazón do Fondo Gaos, en 2017, á Universidade de Santiago de Compostela. A presentación deste novo número terá lugar este xoves 24 de outubro, ás 19.00 horas, na Aula Gaos da Facultade de Xeografía e Historia.
O director Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, así como representantes da Axencia Galega de Industrias Culturais e de Dos Acordes, editores da obra, tomaran parte no acto de presentación da 2ª Sinfonía, En las Montañas de Galicia que está ao coidado e transcrición de Joám Trillo, editor da maior parte da obra do violinista galego, con introdución de Carlos Villanueva.
Esta é unha sinfonía de longo percorrido, con diversas transformacións desde os seus primeiros pasos, en 1918, e que Gaos acabou presentando ao concurso da Institución Mitre de Bos Aires en 1923, obtendo o primeiro premio e que, finalmente, triunfou no concurso promovido polo Centro Galego de Bos Aires. No manuscrito orixinal, de man do propio Gaos, pódese ler (tachado) “Sinfonía Campestre para orquesta”; por encima escribe “Galicia” e máis tarde “Suite Galicia”. O título co que se coñece na actualidade, está tomado do primeiro movemento dos borradores iniciais, titulado En las montañas de Galicia.
Esta obra está escrita en tres movementos, cunha referencia musical intensa da Galicia que Gaos lembra con temas tomados doutras obras de autores galegos, dos cancioneiros ou de autocitas das súas propias obras para piano. Tal e como asegurou o propio Andrés Gaos, esta obra está elaborada con materiais galegos, no marco dunha espléndida orquestración postromántica, e a habilidade característica dun dos mellores compositores galegos do seu tempo, afirman os impulsores da obra. A peza foi gravada e interpretada en varias ocasións pola Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez, nunha primeira edición de Joám Trillo.