Ir o contido principal

O último número da Revista Galega de Educación aborda a importancia da relación entre a familia e os centros educativos

Portada do número 36 da Revista Galega de Educación
Portada do número 36 da Revista Galega de Educación
O decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC coordinou a última edición da publicación titulada Familias e escola

Profesores das facultades de Ciencias de Educación das tres universidades galegas xunto cun amplo grupo de profesionais do ensino de infantil, primaria e secundaria analizan no último número da Revista Galega de Educación os desaxustes que se produciron na relación entre o eido educativo e familiar debido aos cambios acaecidos durante as últimas décadas. De periodicidade cuadrimestral, esta publicación promovida por Nova Escola Galega pretende axudar a impulsar un clima pedagóxico propicio destinado a acadar un sistema educativo público galego renovado e democrático.
Coordinado polo decano da Facultade de Ciencias da Educación da USC, Lois Ferradás, e titulado Familias e escola, o número 36 da publicación recolle varios artigos de expertos universitarios intentando axudar a comprender as coordenadas dos cambios dos escenarios da educación, dos tempos e dos papeis dos seus actores. Destes estudos, cabe destacar a achega sobre as implicacións das distintas formas familiares para o desenvolvemento dos nenos e nenas, no que parecen importar máis as súas funcións básicas que a súa estrutura.
Asemade, a Revista Galega de Educación aborda a relación entre inmigración e escola a través de dous artigos titulados ‘Conciliación da educación familiar e escolar dos inmigrantes marroquís en España’ e ‘Inmigración, familia e escola dende un prisma socioeducativo’. Por outra banda, neste número tamén se analizan o papel das asociacións da pais nas escolas de hoxe en día e as experiencias que tiveron lugar en lugares como Pantín, Rois, Rianxo ou Badaxoz e nas que a participación das familias foi fundamental.
De todas as noticias publicadas, na revista destacan os textos sobre o protagonismo de asociacións locais francesas creadas por colectivos de pais, nenos e profesionais para a creación de servizos de acollida e educación de nenos e sobre o labor do Instituto das Comunidades Educativas en Portugal para promover a implicación das comunidades locais no apoio aos centros educativos, especialmente no eido rural.
No bloque destinado ás novas tecnoloxías, a revista céntrase na análise da “pedagoxía” da ‘Supernanny’ e no apartado dedicados ás entrevistas recolle as declaracións da presidenta da Confederación Galega de APAs de Centros Públicos en Galicia, Olga Patiño Doval. Ademais, a revista resume as II Xornadas “A escola, punto de encontro entre o profesorado e educadores/as sociais” na sección sobre ‘Educación social e escola’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2007.