Ir o contido principal

A nutrición deportiva centra a temática dunha xornada promovida por Adinu Galicia na Facultade de Ciencias

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
O programa deste foro desenvolverase este venres, a partir das 10.00 horas, no salón de actos do centro universitario lugués

A Asociación de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Adinu Galicia) organiza este venres 21 de abril na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC unha xornada sobre nutrición deportiva. O programa desta actividade formativa, aberta á participación de estudantes e graduados en Nutrición Humana e Dietética, así como ao demais público interesado, desenvolverase en quenda de mañá e tarde.

O decano da Facultade de Ciencias da USC, José Manuel Martínez Ageitos; o coordinador do título de grao en Nutrición Humana e Dietética, Jesús Antonio Casabiell Pintos; o presidente de Adinu Galicia, Jesús Fernández Cruces; a secretaria da asociación, Marina Perejón, abrirán a xornada, ás 10.00 horas, no salón de actos José Rodríguez Mourelo da Facultade de Ciencias de Lugo.

A directora técnica da Federación Galega de Atletismo e psicóloga do deporte, Madó González, abrirá a quenda de intervencións de foro cunha intervención sobre psicoloxía como axuda ergoxénica no deporte. As diferentes necesidades asociadas a cada disciplina deportiva centrará, de seguido, a charla que ofrecerá Javier Prieto, director deportivo co círculocultural mercantil de Vigo.

A dietista e nutricionista deportiva e clínica Paloma Quintana abordará neste foro cuestións relativas á xestión da alimentación en competicións de longa duración. A planificación nutricional no deportista será o eixe temática da intervención do experto en nutrición deportiva Ricardo Estévez López. Os parámetros bioquímicos do deportista e as modificacións corporais no deportista lesionado serán aspectos sobre os falarán Fernando Rodríguez Sánchez e Tania Fernández García.

Esta xornada sobre nutrición deportiva rematará con dúas intervencións sobre nutrición no fútbol non profesional e a realidade da dieta do deportista, temas sobre os que falarán Francisco Barreiro Buceta e Ricardo Estévez López.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2017.