Ir o contido principal

Unha obra afonda no vínculo entre termalismo e Ruta Xacobea

Presentación de 'Balnearios en los Caminos de Santiago en Galicia'. FOTO: Santi Alvite
Presentación de 'Balnearios en los Caminos de Santiago en Galicia'. FOTO: Santi Alvite
'Balnearios en los Caminos de Santiago en Galicia' nace ao abeiro da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia e profunda neste “importante patrimonio europeo”, tal e como afirma o profesor emérito da USC Juan Gestal
Santiago de Compostela

“É indiscutible a relación entre as augas termais e o Camiño de Santiago”. Así o afirma o profesor emérito da USC Juan Gestal no prólogo do libro Balnearios en los Caminos de Santiago en Galicia, publicación que xorde ao abeiro da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia e que profunda nos balnearios galegos en torno á Ruta Xacobea, nas súas contornas, ou na súa riqueza cultural e gastronómica. A presentación do libro este luns 11 serviu tamén para conmemorar o décimo aniversario desta Cátedra institucional da USC.

O acto contou coa intervención do reitor Antonio López, o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o profesor emérito da USC e director da Cátedra impulsora do volume, Juan Gestal; e Antonio Couto Rego de Edicións Bolanda. Antonio López puxo o foco en como esta obra serve para “poñer en valor os balnearios e a hidroterapia, algo que é consubstancial á nosa realidade como galegos e galegas, ademais de ter unha proxección económica, social e cultural”, dixo.

“O termalismo, do mesmo xeito que o Camiño de Santiago, constitúe un importante patrimonio europeo a cuxo abrigo xurdiron cidades e vilas como Caldas de Reis, Mondariz, Baños de Molgas ou A Toxa, e dado fama a outras como O Carballiño ou Tui”, explica o profesor Gestal. “Poderiamos viaxar por esa Europa Termal descubrindo o seu importante papel histórico e cultural no nacemento e desenvolvemento do turismo ao longo dos séculos XVIII e XIX, e na dinamización socio-económica das comarcas onde se sitúan balnearios e como estes contribúen á conservación e valorización ambiental das súas contornas”, engade o profesor emérito da USC.

Divulgación e entretemento

A obra que acaba de ver a luz serve para poñer en valor os dous patrimonios, o termal e o do Camiño, no marco dun novo Ano Santo marcado pola pandemia. “Un labor que esta obra asume con ánimo divulgativo e de entreter –pero non por iso con menor rigor–, e coa intención de ampliar os motivos polos que, cada ano, millóns de persoas acoden a esta comunidade autónoma”, matiza o director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia.

“O turismo termal en Galicia constitúe un dos nosos grandes produtos turísticos con maior grao de especialización e singularidade, con maior capacidade de desestacionalización da demanda, con poder para a captación de máis segmentos de público e de gran atractivo para a articulación de oferta turística combinada que atopa no Camiño o seu complemento perfecto”, explica Alfonso Rueda.

Pola súa parte, Antonio Couto de Edicións Bolanda destacou que esta obra constitúe “unha guía que une recursos económicos e turísticos de primeira orde que xorden dun patrimonio histórico e cultural único”. Así, o editor subliñou como este libro permite profundar na historia de cada balneario, nas súas instalacións e servizos, así como nas indicacións terapéuticas das súas augas. Ademais ao longo de 200 páxinas, pódese afondar na contorna de cada un deles a través de material fotográfico, ilustracións e diversos mapas.

Chamamento a peregrinos

Balnearios en los Caminos de Santiago en Galicia pretende animar os peregrinos e amantes do Camiño de Santiago a descubrir e visitar os balnearios galegos “nun ambiente de paz e silencio harmonizado polo relaxante son do fluír das augas”, explica o profesor Gestal.

A Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, creada na Facultade de Medicina e Odontoloxía compostelá por iniciativa da Asociación Galega da Propiedade Balnearia co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, cumpriu o pasado marzo os seu primeiros dez anos de actividade e quixo celebralo coa publicación deste libro que está estruturado en nove apartados: Vía da Prata ou Camiño Mozárabe, Camino Miñoto-Ribeiro, Camiño Portugués Interior e da Costa, Ruta do Mar de Arousa e río Ulla, Camiño de Fisterra e Muxía, Camiño do Norte, Camiño Primitivo, Camiño Francés e Camiño de Inverno. En suma, a obra permite afondar nunha vintena de instalacións termais existentes en Galicia e que se sitúan no Camiño de Santiago, a través de nove itinerarios diferentes.  

Foto de familia dos participantes no acto. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia dos participantes no acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.04.2022.