Unha obra explora a vida na Compostela medieval
A igrexa de Santiago de Compostela catalizou o desenvolvemento da cidade circundante ao longo da Idade Media, de maneira que a configuración do núcleo e a evolución da sociedade e economía urbanas aparecen intimamente ligadas ao devir da propia institución. Baixo esta premisa, nace a obra ‘Iglesia, mentalidad y vida cotidiana en la Compostela medieval’, escrita por Xosé Manoel Sánchez Sánchez e que foi presentada este martes logo de ser editada polo Servizo de Publicacións da USC e polo Consorcio de Santiago.
“A Igrexa medieval exerce igualmente a súa influencia sobre dous aspectos que deixaron boa pegada e cuxa atención debe ser obrigada en canto ao principal centro urbano do reino de Galicia: a vida cotiá e a mentalidade colectiva”, sinala o autor. Esta monografía non pon o foco na propia existencia diaria da institución eclesiástica, nin en feitos xa coñecidos, senón na vida da cidade mesma durante os séculos medievais, examinando como a presenza catedralicia e episcopal, a igrexa compostelá, afectou en comportamentos e sectores como a produción libraria, a percepción da contorna, a consideración das idades da vida, a relación entre os habitantes e veciños, ou os vestidos e as comidas. “Todo iso ten o seu certo e destacado matiz a través da presenza eclesiástica”, sinala Sánchez Sánchez.
O libro permite debullar e coñecer a vida do día a día na cidade e como a influencia eclesiástica ten colaborado ou mediatizado a definición da vida cotiá nos séculos XII ao XV.