Ir o contido principal

Unha obra da profesora Isabel Morán e de Ulises Infante recupera a Guilherme de Almeida, príncipe dos poetas brasileiros

Mª Isabel Morán Cabanas, co autora da reedición
Mª Isabel Morán Cabanas, co autora da reedición
Trátase dunha reedición do volume O meu Portugal, publicado por primeira vez en 1933, ao que agora se engade un amplo estudo introdutorio

A profesora de literatura portuguesa na USC Mª Isabel Morán Cabanas e o profesor da Universidade Estadual Paulista Ulises Infante asinan a reedición da obra O meu Portugal de Guilherme de Almeida, o chamado Príncipe dos Poetas Brasileiros. A reedición parte do libro publicado en 1933 na Companhia Editora Nacional de São Paulo ao que engade un longo e documentado estudo introdutorio con vastas informacións sobre os contextos de produción e recepción acompañado de notas de carácter lingüístico-literario.

O volume O meu Portugal. Crônicas dun desterro recolle un conxunto de vinte crónicas para xornais brasileiros que o escritor, político, xornalista e crítico compón durante o seu exilio en Lisboa entre 1932 e 1933 procedente de Brasil. Ao longo das páxinas do estudo introdutorio, a profesora Morán Cabanas e o profesor Infante lembran a traxectoria biográfica e bibliográfica do intelectual brasileiro e insisten nos seus vínculos con Galicia, “terra que coñeceu persoalmente nos finais de marzo de 1933 e que o marcou de modo moi intenso”, aclara a profesora Mª Isabel Morán. Mostra desa influencia, os investigadores apuntan a súa “estreita e asidua colaboración intelectual” con Valentín Paz Andrade con que compartiu traxectorias e intereses, existindo entre ambos “unha mutua admiración, tal como se mostra, entre outros textos, no prefacio que o paulista escribiu para a obra do galego Sementeira ao Vento”, explican os investigadores.

Tamén destacan a súa relación con Castelao, cos artistas plásticos Laxeiro e Colmeiro, e en xeral, cos integrantes da Xeración Nós, a súa práctica constante de recreación da lírica medieval galego-portuguesa ou do neotrovadorismo, as súas investigación sobre a orixe xenealóxica dos Andrade en Pontedeume, as conferencias en homenaxe e apoio aos emigrantes galegos no estado de São Paulo e as súas constantes referencias á Galicia como “terra matricial” ou o seu discurso de entrada na Academia Brasileira de Letras.

A propósito desta edición das crónicas xornalísticas, Morán Cabanas e Infante destacan a contextualización e comentarios explicativos dos textos escritos por Guilherme de Almeida nun “tono ameno, cordial e afectivo” que “remiten especialmente para a Lisboa dos inicios da década dos anos trinta en Portugal, cos seus locais emblemáticos e os tipos humanos máis pintorescos; para un Estoril cosmopolita; para unha nobre e fermosa Sintra, chea de reminiscencias históricas; ou para as excelencias de espectáculos de teatro, fado e performances de Carnaval”, entre outras evocacións. O libro contén algunhas ilustracións, entre as que destaca a que o pecha: a ponte de ferro entre Valença do Miño e Tui que Guilherme de Almeida atravesou para a súa visita a Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.12.2017.