Ir o contido principal

O ‘Obradoiro de apoderamento lingüístico’ busca reforzar o galego a través do ensino

As sesións en formato presencial desenvolverase os días 29 de marzo e 5 de abril. FOTO: Santi Alvite
As sesións en formato presencial desenvolverase os días 29 de marzo e 5 de abril. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa impulsada dende a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Formación do Profesorado da USC mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 24 de marzo
Lugo

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Formación do Profesorado da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, organiza o ‘Obradoiro de apoderamento lingüístico’ co obxectivo principal de promover a responsabilidade na normalización social do galego como parte do ámbito competencial dos mestres e mestras. O obradoiro tamén pode resultar de interese para todo o alumnado malia estar dirixido, de xeito preferente, ao estudantado da materia Educación e linguas en Galicia, ao alumnado dos graos en Mestre/a en Educación Infantil e Mestre/a en Educación Primaria. O prazo para inscribirse neste obradoiro dotado con 30 prazas remata o 24 de marzo. A matrícula pode formalizarse nesta ligazón.

A educación do século XXI en Galicia “non pode ser allea ao proceso de perda de falantes da lingua galega”, apuntan dende a organización desta iniciativa. Neste senso,  “reflexionar e colaborar con outras disciplinas na análise das causas e na construción de respostas innovadoras coas que reverter esa tendencia e promover a activación de novas falantes para a nosa lingua” constitúe unha das metas desta actividade formativa. O obradoiro, de dúas sesións teórico-prácticas, servirá para introducir algunhas chaves para “a comprensión do actual escenario de conflito lingüístico” e apoiarse na experiencia individual e colectiva “na procura de novas iniciativas coas que reforzar o galego no e a través do ensino”, explican.

Afondar na comprensión do contexto lingüístico actual en Galicia; reflexionar sobre a problemática lingüística galega como parte do ámbito competencial do ensino; coñecer metodoloxías de intervención socio-lingüística; e deseñar intervencións dende o ensino para a normalización lingüística e a activación de falantes conforman os obxectivos do obradoiro.

As sesións en formato presencial desenvolverase os días 29 de marzo e 5 de abril en horario de 16.00 a 19.00 horas. Os contidos que se abordarán no obradoiro serán ‘Contexto sociolingüístico e potencialidades. Lingua e Educación’, ‘Lingua, identidade, diversidade, poder, prexuízos e estereotipos’ e ‘Intervención desde a Educación en materia de normalización lingüística’.

Cartel do obradoiro
Cartel do obradoiro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2022.