Do Obradoiro ás estrelas
No marco das celebracións do Ano Internacional da Astronomía 2009, a Vicerreitoría de Cultura da USC e o Clube Vega de Astronomía organizan este sábado, 2 de maio, unha xuntanza de telescopios en Compostela. A cita será na Praza do Obradoiro de 20:00 a 00:00 horas.
Afeccionados e asociacións chegados de toda Galicia porán a disposición do público asistente os seus telescopios e ofrecerán o seu asesoramento a todas as persoas que o desexen. Organizada en colaboración con Turismo de Santiago-Incolsa e a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, será unha actividade lúdica e festiva, que incluirá unha observación nocturna dos ceos composteláns.
A xornada inscríbese nas accións que se están a desenvolver no mundo promovidas por diversos organismos internacionais para a recuperación do ceo nocturno como parte da paisaxe cotiá das cidades e vilas e como elemento fundamental do patrimonio cultural da humanidade, na liña recollida na Declaración Starlight (La Palma, 2007) recentemente adoptada pola Universidade de Santiago de Compostela. Será tamén unha ocasión para dar a coñecer as causas e efectos da contaminación lumínica e as súas posibles solucións.