Ir o contido principal

O obradoiro de monicreques programado en Lugo pola Área de Cultura da USC amplía o prazo de inscrición ata finais de outubro

A Área de Cultura do Campus Terra, dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, amplía ata finais de outubro o prazo de inscrición no obradoiro de monicreques que impartirá Marga Portomeñe desde o 30 de outubro ata o 18 de decembro de 2017. As sesións deste programa incluído no espazo de formación da Aula de Teatro da USC en Lugo desenvolveranse os luns en quenda de tarde, de 16.00 a 19.00 horas.

O monográfico sobre teatro orientado a ofrecer unha formación inicial previa ás persoas interesadas en formar parte da compañía de teatro USC-Lugo, coordinada e dirixida por Paloma Lugilde, comezará as sesións formativas o vindeiro luns 2 de outubro nas instalacións da Aula de Teatro e Danza da Facultade de Veterinaria de Lugo. Os estudantes universitarios interesados achegarse ao mundo teatral a través deste curso, que celebrará as súas sesións os luns, en horario de 19.00 a 23.00 horas, e os venres, de 20.30 a 22.30 horas, poderán participar de balde nas primeiras sesións.

As inscricións nestes programas formativos promovidos desde a Área de Cultura da USC no campus de Lugo pode facerse nas dependencias da Oficina de Cultura do campus de Lugo, sitas no edificio da Vicerreitoría. As persoas interesadas tamén poden obter máis información ao respecto a través da web da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.09.2017.