Ir o contido principal

Un obradoiro sobre teatro físico e composición escénica aborda dinámicas de traballo creativo e en grupo

Cartaz da Universidae de Verán da USC
Cartaz da Universidae de Verán da USC

O teatro físico, tal e como se coñecen as dramaturxias nas que a expresión corporal e a linguaxe física teñen unha importancia predominante, e a composición escénica, centrarán do 6 ao 10 de xuño a temática do obradoiro ‘Teatro físico e composición escénica’, unha proposta formativa dirixida e guiada polo profesor da área de Didáctica da Expresión Corporal da USC Rubén Navarro Patón e que se desenvolverá na Aula de Música da Facultade de Formación do Profesorado de Lugo.

Estruturado en 15 horas de formación, distribuídas ao longo de cinco xornadas, este obradoiro da Universidade de Verán 2016 da USC aberto á participación dun máximo de 16 persoas, ofrece aos participantes a posibilidade de coñecer e achegarse ás dinámicas de movemento e ocupación do espazo de traballo, ademais de ofrecer unha primeira aproximación ao traballo de composición escénico e creativo. A presentación interpretativa de textos, xogos corporais e a estrutura do adestramento que debe rexer este tipo de procesos de creación son outros dos cometidos que se tratarán no marco deste obradoiro estival, cuxas sesións se desenvolverán en quenda de tarde, de 17.00 a 20.00 horas.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste obradoiro formativo poden facelo a través da web da Universidade de Verán 2016 da USC, onde tamén está aberta a inscrición.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.05.2016.