Ir o contido principal

Varios obradoiros prácticos de escultura e clown pechan o XXII Encontro de Educación para a Paz

Durante a xornada de clausura os expertos avaliarán o currículo da materia 'Educación para a Cidadanía'

Baixo o lema ‘Educar para a Cidadanía e os Dereitos Humanos’, o XXII Encontro de Educación para a Paz clausúrase este sábado, día 3, con varios obradoiros prácticos e debates sobre a materia ‘Educación para a Cidadanía’. A xornada comezará ás 10:00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación con varios obradoiros prácticos nos que profesores de ensino medio explicarán as súas iniciativas innovadoras en materia de convivencia democrática. Deseguido, ás 12:00 horas, representantes de Intermón-Oxfam e Amnistía Internacional xunto con integrantes do Seminario Galego de Educación para a Paz dirixirán clases de escultura pola paz, xogos cooperativos, clown e convivencia.
Ao mesmo tempo que se desenvolven estes obradoiros, o encontro tamén acollerá un seminario de expertos que avaliarán o currículo da nova materia ‘Educación para a Cidadanía’ e cuxas conclusións serán publicadas en breve.
Xa pola tarde, a xornada contará cunha mesa redonda sobre os posibles enfoques da nova materia e o papel dos Dereitos Humanos. Nela intervirán o profesor de Didáctica das Ciencias Sociais da Universidade Autónoma de Barcelona, Joan Pagés; o catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Universidade da Coruña, Jurjo Torres, e o catedrático de Filosofía e membro do Seminario, Moisés Lozano, tratarán.
Como peche final do encontro, a profesora de Filosofía Moral e Política da USC, María Xosé Agra, abordará ás 19:00 horas a relación entre convivencia e cidadanía. Finalmente o cantautor Emilio Rúa interpretará algunhas das súas composicións.
XXII Encontros de Educación para a PazO Encontro, organizado polo Seminario Galego de Educación para a Paz en colaboración coa USC, pretende converterse nun foro de diálogo e de intercambio de experiencias educativas entre profesores, alumnos, organizacións non lucrativas e a sociedade en xeral. Con vinteún edicións monográficas celebradas ata o momento, estas sesións acollen de xeito anual a preto de 300 asistentes entre os que destaca a presenza do estudantado universitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2007.