Obradoiros solidarios de accesorios para gatos e cans na Facultade de Veterinaria
A Facultade de Veterinaria acubillará os días 4 e 11 de marzo dous obradoiros solidarios para elaborar xoguetes e outros accesorios para gatos e cans a partir de materiais re utilizados e reciclados. As persoas interesadas en participar nesta actividade, poden formalizar a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico sabelafonseca87 [at] gmail.com (sabelafonseca87[at]gmail[dot]com).
Os dous obradoiros programadas no marco desta iniciativa, que se encadra dentro dun proxecto máis amplo da Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC sobre dereitos dos animais, desenvolveranse os días 4 e 11 de marzo en quenda de tarde, de 18.00 a 20.00 horas, nos locais que a Asociación Estudantil de Natureza e Defensa Animal (Aenda) dispón na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo. As persoas que participen nestes obradoiros poderán aprender a facer unha cama ou unha tenda cova a partir de roupa que xa non se usa, escondedoiros con caixas, xoguetes con cascas de noces, comedeiros dosificadores útiles para colonias controladas... Todos os obxectos construídos nestes obradoiros, que tamén permitirán aos protagonistas aprender trucos para xogar e gozar coas mascotas, destinaranse a casas de acollidas ou protectoras de animais. Esta actividade solidaria e de lecer, en cuxa organización colabora a Asociación Estudantil de Natureza e Defensa Animal (Aenda), está promovida pola Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC, a través das persoas que contan cunha bolsa de Sostibilidade, Participación e Integración Universitaria (Spiu), aínda que a dinamizadora destas accións é a estudante da Facultade de Veterinaria Sabela Fonseca.