Obras de Platón e Freud incorpóranse ao abano de títulos da colección 'Clásicos do Pensamento Universal'

A colección ‘Clásicos do Pensamento Universal’ de traducións ao galego que a USC coedita dende 2002 coa Fundación BBVA incorpora obras de Platón e Sigmund Freud ao seu catálogo. Os dous novos títulos, Teeteto ou do coñecemento e Conferencias de introdución á psicanálise presentáronse este xoves 18 no Colexio de San Xerome.
Na presentación interviñeron o vicerreitor de Cultura, Elias Torres; Teresa Amado e Carlos Baliñas, como tradutora e prologuista da obra do filósofo; Manuel Noya en representación de María Jose Noya pola tradución da obra de Freud, e a directora do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, Marisa Melón, que deu lectura a un texto do prologuista Fernando Márquez.
Teeteto ou do coñecementoO volume número 10 da colección incorpora á oferta de Clásicos do Pensamento Universal á figura de Platón, con quen “a cultura occidental ten unha débeda incalculable” segundo se puxo de manifesto na presentación, xa que “toda a filosofía posterior ten sido ‘un comentario a Platón’”. Na edición ao galego do clásico grego, a tradución correu da man da profesora Teresa Amado, incluíndo un prólogo do catedrático de Filosofía da USC Carlos Baliñas.
Teeteto, diálogo escrito entre os anos 374 e 376 e que toma o seu nome do dun intelixente mozo morto prematuramente, é unha referencia imprescindible para comprender toda a filosofía platónica, “o que xustifica dabondo a súa presenza nesta colección”. Consagrado á determinación do que é coñecemento, discútese sucesivamente se o coñecemento é percepción, opinión ou opinión razoada para concluír que ningunha das tres cousas. Como obra aberta que é, como argumento que non se esgota dos dicta, como clásico do pensamento, o diálogo remata incitando a novos comentarios, interpretacións e puntos de vista.
Sigmund FreudA obra e a influencia do doutor vienés, como xa sucedera con Copérnico ou Darwin nos seus respectivos campos, sinala con acerto discontinuidades no pensamento científico. Trátase de autores que teñen provocado unha “enorme e profunda revolución nas concepcións da súa época” propiciando debates e consecuencias que “non remataron aínda hoxe”.
Conferencias de introdución á psicanálise permite comprender a transcendencia da psicanálise para moi diversos campos, alén do propio, tanto en eidos próximo como a psiquiatría, a psicoloxía ou a medicina, coma noutros aparentemente distantes como a lingüística, a pedagoxía, a socioloxía, a criminoloxía e o dereito en xeral, a filosofía, a arte, a relixión, a historia, a antropoloxía ou a ética.
O volume, que fai o número 11 da colección, é unha invitación a “ponderar tanto a profundidade coma a grande amplitude do pensamento do fundador da psicanálise”, personaxe que viviu e evolucionou entre intensos e interesantes debates e que, neste primeiro decenio do século XXI moi probablemente, “deparará novos desenvolvementos da man das investigacións do cerebro e da mente”. O libro recolle as conferencias pronunciadas por Freud na universidade vienesa entre 1915 e 1917.
A tradución ao galego do relato freudiano correspondeulle a María José Noya, mentres que o prólogo do volume asínao Fernando Márquez Gallego, docente na Facultade de Medicina e responsables do Programa de Saúde Mental do Servizo Galego de Saúde.
Próximos títulosA colección Clásicos do Pensamento Universal, que dirixe o catedrático Darío Villanueva, componse de coidadas traducións á lingua galega, realizadas por especialistas da Universidade de Santiago, de obras que conforman o pensamento científico humano no seu senso máis universal.
Xunto aos volumes xa publicados, están en proceso de realización o Tratado Elemental de Química, de Antoine de Lavoisier; A Linguaxe deEdward Sapir; e A galaxia gutenberg de Herbert M. MacLuhan.