O Observatorio Galego do Territorio estuda implantar no Concello de Teo un taller de ideas e boas prácticas en materia urbanística
Un grupo de traballo do Observatorio Galego do Territorio estuda implantar no Concello de Teo un taller de ideas e boas prácticas en materia de urbanismo e a súa relación coa sociedade. O catedrático de Historia da USC, Gerardo Pereira, e o arquitecto Juan Pinto, mantiveron xa esta semana unha xuntanza co alcalde de Teo, Martiño Noriega, e con persoal municipal para traballar nun posible calendario de actividades. A elección de Teo responde a unha serie de características como son posuír un planeamento urbanístico aprobado, ser un concello periférico dunha cidade, pola súa propia estrutura de concello mixto con zona rural e urbana e mesmo por vir dun pasado urbanístico moi concreto. A partir destas circunstancias, o Observatorio traballará co persoal municipal para extraer conclusións en materia urbanística e medioambiental que puideran ser exportables a outros lugares. Deste xeito, o proxecto abordará o perfeccionamento do catálogo de elementos patrimoniais, usando como base o PXOM teense. Ademais preténdese estudar problemas urbanísticos e medioambientais, fomentar a participación cidadá na xestión do urbanismo, darlle un pulo á estrutura parroquial dos concellos ou abordar cuestións de mobilidade, entre outros asuntos. Outros elementos a potenciar serán a conservación da paisaxe tradicional, a rehabilitación no rural e o mantemento dos núcleos tradicionais. O Observatorio Galego do Territorio (OGT) que dirixe o catedrático da USC Gerardo Pereira Menaut defínese como un foro aberto á participación de persoas e grupos interesados en estudar e facer propostas sobre o uso e xestión do territorio e o coidado da paisaxe. Coa súa sede no CEA da USC, nel participan profesores universitarios e profesionais do urbanismo, a arquitectura, a historia e o dereito, profesionais que reivindican un cambio lexislativo para rematar coa exclusividade nas competencias do poder executivo no ordenamento do territorio.