Ir o contido principal

Oferta completa da USC

Viaño, no centro, acompañado dos vicerreitores e profesorado do campus de Lugo
Viaño, no centro, acompañado dos vicerreitores e profesorado do campus de Lugo
O reitor Juan Viaño presenta en Lugo a “completa” oferta da USC para o curso 2015-2016, integrada por 48 graos, tres títulos propios, 65 másteres e 54 programas de doutoramento

A USC ofrecerá para o vindeiro curso 2015-2016 unha oferta académica completa, integrada por 48 títulos de grao, tres títulos propios, 65 másteres e 54 programas de doutoramento, segundo indicou en Lugo o reitor Juan Viaño, na presentación da programación académica da institución académica compostelá, no marco dun acto ao que asistiron os vicerreitores Javier Bueno, Andrés Barreiro e Carme Silva, así como directores e decanos das facultades e escolas do campus de Lugo da USC. A principal novidade da oferta académica da USC para o curso 2015-2016 vén dada pola implantación de oito títulos dobres de grao, dos cales dous, os graos en Enxeñaría Civil e enxeñaría en Xeomática e Topografía, e o grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e enxeñaría Forestal e do Medio Natural, se impartirán na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e para os que a USC ofrece 10 novas prazas de matrícula en cada un dos dos programas. Respecto da oferta de títulos de grao no campus de Lugo, a USC mantén estable a programación dos últimos anos, conformada por 15 títulos. A Escola Politécnica Superior, onde se impartirán os graos en Enxeñaría Civil, Enxeñaría en Xeomática e Topografía, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, ademais dos dous novos títulos dobres, é o centro co campus lugués cunha maior oferta de estudos. A Facultade de Veterinaria mantén o seu grao en Veterinaria, do mesmo xeito que a Facultade de Administración e Dirección de Empresas conserva os graos en ADE e Xestión de Pequenas e Medianas Empresas. Os graos en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética constitúen a oferta de títulos de grao da Facultade de Ciencias, mentres que a Facultade de Humanidades impartirá o grao en Lingua e Literatura Españolas, así como o de Ciencias da Cultura e Difusión Cultural. Os graos en Mestre de Educación Infantil e Mestre de Educación Primaria conforman a oferta da Facultade de Formación do Profesorado, mentres que as escolas universitarias de Enfermaría e de Relacións Laborais manteñen tamén cara o próximo curso a súa oferta de graos en Enfermaría e Relacións Laborais e Recursos Humanos, respectivamente. A programación de másteres que oferta a USC no campus de Lugo para o curso 2015-2016 si que presenta máis novidades, xa que esta oferta de posgrados queda reforzada trala recuperación dos másteres en Dirección de Actividades Educativas na Natureza, que se imparte na Facultade de Formación do Profesorado, e o máster en Arquitetura e Paisaxe Juana de Vega, que desenvolve a súas sesións formativas na EPS. Estes dous posgraos estaban na oferta académica da USC en Lugo o pasado curso. A oferta académica da USC para o curso 2015-2016, unha programación xa presentada o venres 19 en Santiago presenta singularidades no que atinxe ao campus de Lugo, onde os estudantes de que formalicen a súa inscrición en 10 dos 15 títulos de grao impartidos na sede universitaria luguesa poderá acollerse as bolsas do 50% da matrícula financiadas pola Deputación de Lugo a través da campaña ‘Para estudar Lugo’. A esta iniciativa súmase o ‘Plan de captación de talento’, outra iniciativa a prol do campus de Lugo tamén financiada pola Deputación e a través da que se financia a matrícula completa dos seis mellores expedientes matriculados en cada un dos 15 graos ofertados, así como a inscrición dos tres mellores graduados/as que formalicen a súa matrícula en calquera dos másteres da USC en Lugo. A aposta pola docencia semipresencial na USC, que no caso do campus de Lugo se amplía do título de Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural ao máster en Servizos Culturais, é outra das novidades avanzadas esta mércores na presentación da oferta académica da USC, un acto no que tamén se deu conta do alto nivel de satisfacción do alumnado do campus de Lugo. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, avanzou neste senso algúns datos das enquisas realizadas no curso 2014-2015 a máis de 400 novos alumnos de primeiro curso. Os resultados destes cuestionarios amosan un grao de satisfacción pouco menos que total respecto das titulacións que cursan, así como das escolas ou facultades onde reciben esta formación e tamén respecto da cidade de Lugo. Ademais, segundo se desprende destas enquisas, a práctica totalidade do estudantado do campus recomendaría vir estudar a Lugo. Viaño e Bueno, na presentación da oferta académica da USC en Lugo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.06.2015.