A oferta de postos de lectura en horario extraordinario cubriu amplamente a demanda dos estudantes na pasada fin de semana
A afluencia de estudantes ás tres bibliotecas que a USC mantén abertas con horarios extraordinarios, cunha oferta de 1.396 postos de lectura, comeza a diminuír de xeito significativo entre as 20:00 e as 21:00 horas. Nesa franxa horaria, o pasado sábado 3 rexistrouse unha ocupación do 77 por cento, mentres que unhas horas despois, ás 00:00, permanecían ocupados só o 46,8 dos postos ofertados. A tendencia foi similar o domingo, día 4, xa que mentres a ocupación ás 20:00 horas era lixeiramente superior ao 74 por cento, a media noite esta cifra volvía estar por debaixo do 50 por cento.
Na xornada do sábado 3, unha hora antes do peche das bibliotecas, ás 2:00 horas, na de Ciencias Económicas estaban baleiros o 90 por centos dos postos; en Filosofía, máis do 83 por cento, e na Concepción Arenal unha porcentaxe próxima ao 70 por cento. A ocupación destas bibliotecas abertas en horario extraordinario chega ao 90 por cento pero na franxa horaria comprendida entre as 16:00 e as 19:00 horas, dependendo do centro do que se trate.
A ocupación destas bibliotecas abertas en horario extraordinario foi desigual en cada unha delas. En Filosofía o sábado 3 superou o 75%, mentres que o domingo tivo o 80 por cento. Nas outras dúas, a ocupación media diaria foi moi inferior, sendo en Económicas do 46% e do 41% o sábado e o domingo, respectivamente; e inferior ao 60 por cento os dous días na Biblioteca Concepción Arenal.
Horario extraordinarioAs bibliotecas Concepción Arenal e as das facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e de Filosofía, en Santiago, e a Intercentros do Campus de Lugo manteñen ata o 15 de febreiro horarios extraordinarios de apertura coincidindo coa celebración do período de exames do primeiro cuadrimestre.
Deste xeito, os estudantes dispoñen de salas de estudo nestas bibliotecas en horario ininterrompido de 8:30 a 3:00 horas da madrugada, de luns a venres, e de 10 a 3:00 horas os sábados e os domingos. En total, son algo máis de 3.000 postos de estudo nas catro bibliotecas con horario extraordinario. A da Facultade de Ciencias Económicas dispón de preto de 350 postos, a de Filosofía case cen, mentres que a Concepción Areal 950, e a Intercentros de Lugo ten ao dispor dos estudantes máis dun milleiro de postos.