Ir o contido principal

As ofertas de emprego na enxeñaría agrícola triplican o número de graduados na universidade española

Alumnado do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria no Campus Terra da USC
Alumnado do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria no Campus Terra da USC
O presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, Marcos Vázquez Marey, salienta a alta inserción laboral e o futuro da profesión nun foro con alumnado do Campus Terra da USC no que participaron representantes dos colexios profesionais de Galicia e do consello xeral de enxeñeiros agrícolas de España
Lugo

A demanda de enxeñeiros agrícolas en España triplica o número de persoas que se gradúan cada ano na universidade española, segundo sinalou este xoves o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, Marcos Vázquez Marey, na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC.

Vázquez Marey realizou estas declaracións no marco da xornada ‘O colexio profesional, un compañeiro para a vida’, unha sesión durante a que a o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo informou ao alumnado que está a cursar o grao de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na sede universitaria luguesa das prestacións, oportunidades e servizos que ofrece o órgano colexiado aos profesionais asociados.

O testemuño dado neste foro por Vázquez Marey foi refrendado de seguido polo tamén enxeñeiro agrícola egresado do Campus de Lugo Ismael Moeda Dova, quen relatou na súa intervención o seu rápido tránsito das aulas ao mercado laboral, neste caso, á función pública. 

Unha vez rematada esta primeira quenda de intervencións, o coordinador do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC, Santiago Lamosa, moderou coloquio aberto á participación de alumnado e docentes, no que ademais dos relatores presentes na sala tamén interviron representantes dos distintos colexios profesionais de Enxeñaría Agrícola existentes en Galicia, así como do Consello Xeral de Enxeñeiros Agrícolas de España.

O presidente do Colexio de Enxeñeiros da Coruña e Pontevedra, Rafael Muíños, quen tamén participou de xeito presencial nesta xornada de orientación laboral arredor da Enxeñaría Agrícola, respondeu ás cuestións planteadas polo alumnado. A diferencia, o presidente do Colexio de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense, Manuel Rojo; o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Madrid, Carlos Gilarranz Casado, e a presidenta do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Murcia e secretaria Xeral do Consello Xeral de Enxeñeiros Agrícolas de España, Lola Martínez Franco, participaron no coloquio co alumnado da EPS de Enxeñaría a través de videconferencia.

Estudantes, docentes e representantes de colexios profesionais, no foro sobre enxeñaría agrícola
Estudantes, docentes e representantes de colexios profesionais, no foro sobre enxeñaría agrícola
Vázquez, Lamosa e Moeda, no foro celebrado na EPS de Enxeñaría
Vázquez, Lamosa e Moeda, no foro celebrado na EPS de Enxeñaría
Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2023.