Ir o contido principal

A Oficina de Desenvolvemento Sostible celebra este martes a I Feira do Troco da USC en Veterinaria

A xornada desenvolverase en quenda de tarde, de 17.00 a 20.00 horas, e está aberta á participación de todo o público interesado

A Oficina de Desenvolvemento Sostible celebrará este martes, día 7 de maio, a partir das 17.00 horas, na explanada da entrada da Facultade de Veterinaria, a primeira Feira do Troco da USC, unha iniciativa orientada a promover o intercambio de materiais de todo tipo, que tamén servirá para reflexionar sobre o consumo responsable, segundo indicaron desde a Oficina de Desenvolvemento Sostible, dependente da Vicerreitoría de Calidade e Responsabilidade Social da Universidade de Santiago de Compostela

Os bolseiros do programa USC en transición serán os responsables da organización desta I Feira do Troco e actuarán tamén como xuíces á hora de establecer as posibles equivalencias entre os distintos obxectos materiais ou servizos susceptibles de ser intercambiados. Os bolseiros habilitarán así unha especie de posto da explanada exterior da Facultade de Veterinaria, onde disporán diversas mesas para que a xente deixe o material que estime oportuno. O troco poderá facerse por dúas vías, segundo indicaron desde a Oficina de Desenvolvemento Sostible: mediante a negociación directa entre as dúas partes ou ben a través da cesión dun artigo para coller outro de características parellas. A finalidade desta I Feira do Troco da USC, unha xornada na que non se admitirá ningún tipo de mediación monetaria, é dobre, xa que ademais de supoñer unha chamada de atención sobre a importancia do consumo responsable, como medida para evitar e reducir a xeración de residuos, tamén pretende ser unha canle para fortalecer os vínculos e as relacións entre os membros da comunidade universitaria. Os responsables da organización desta feira do troco animan a todos os membros da comunidade universitaria a participar nunha cita na que sempre poden atopar algo que resulte do seu interese. Asemade, desde a Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC estiman que a data fixada para esta celebración antóllase boa para todos/as aqueles/as estudantes que están a piques de rematar o curso académico e incluso o seu periplo universitario, dado que é posible que se atopen con moito material que non van volver usar e co que non saben qué facer. A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC anima así aos membros da comunidade universitaria a acudir a esta feira, que por vez primeira se celebra na Universidade de Santiago, para intercambiar apuntes, libros ou outro tipo de material que xa non precisen e lle poida servir de utilidade a outras persoas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2013.