Ir o contido principal

A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC participa nun taller sobre pegada alimentaria no mercado municipal de Lugo

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
O obradoiro desenvolverase este martes de 17.00 a 20.00 horas e inclúe mercadiño, música ao vivo e unha chocolatada. A entrada é libre e de balde para todo o público

A Oficina de Desenvolvemento Sostible, dependente da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC, participa este martes nun obradoiro sobre pegada alimentaria que se desenvolverá a partir das 17.00 horas nas dependencias do mercado municipal de Lugo, emprazado na Rúa Quiroga Ballesteros.

O obxecto deste obradoiro é coñecer o impacto da produción dos alimentos que consumimos e está enmarcado no proxecto ‘USC sostible. Comercio xusto, ciclos curtos de distribución e consumo responsable’ liderado pola Asociación para o Comercio Xusto e Solidario Panxea e a ODS e financiado por Cooperación Galega.

O realización deste taller sobre pegada alimentaria desenvolverase no marco dunha actividade máis ampla, que se prolongará ata as 20.00 horas, e no marco da que a plataforma Lugo Xusta organizará unha Chocolatada Xusta. Un mercadiño de comercio xusto, música ao vivo da man de ‘ Filophóbicas’, e o sorteo dunha cesta de produtos de comercio xusto, complementan esta xornada de acceso libre e de balde para todo o público interesado.

Esta iniciativa, que contará coa participación de Solidariedade Internacional de Galicia, permitirá ao público asistente ampliar os seus coñecementos sobre a trazabilidade e o impacto do cacao, un dos produtos máis demandados do mercado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2017.