Ir o contido principal

A Oficina de Software Libre da USC acada un dos premios Eganet

A Oficina de Software Libre da USC resultou gañadora da sexta edición dos Premios Eganet na modalidade Software Libre (SL), dirixida a salientar as iniciativas de uso, creación e/ou difusión de tecnoloxías de código aberto por parte de particulares, organismos privados ou públicos, considerándose de especial interese a contribución que supoñan á comunidade opensource e máis á sociedade galega.
Creada a finais do ano 2008 por un acordo entre a Xunta de Galicia e a USC, a Oficina de Software Libre da Universidade compostelá (OSLUSC) orienta o seu traballo cotiá a promover e implantar o software libre na comunidade universitaria con cinco frontes estratéxicos de acción, docencia, investigación, administración, visibilidade e formación. Trátase dun servizo universitario encadrado no Plano Estratéxico das TIC da USC (PETIC 2007-2010) e que traballa tamén de xeito coordinado co grupo de traballo de software libre da sectorial TIC da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas e con iris-libre.
O seu principal e máis perdurable produto da acción é o apoio e coordinación da comunidade universitaria para que estea familiarizada co modelo do software de código aberto, coñeza as súas vantaxes e actúe á vez como demandante e como divulgadora do software libre na sociedade galega. Neste senso, o director da Área TIC da USC, Javier Franco, destacou no acto de entrega do premio a postura da USC respecto do SL ao afirmar que “o potenciamos de maneira racional e non excluínte con outros modelos” por considerala “unha ferramenta interesante que debe adaptarse ás distintas situacións”.
De cara ao vindeiro ano 2010, a Oficina de Software Libre da USC ten garantida a súa continuidade en virtude dun acordo pendente de asinar coa Secretaria Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia.
Promovidos pola Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías, EGANET quere promocionar e servir de plataforma de lanzamento para os proxectos realizados de xeito íntegro por empresas galegas no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións, dando a coñecer a todo os sectores da sociedade galega os resultado do traballo das empresas galegas neste ámbito.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2009.