Ir o contido principal

A ofimática en proxectos de enxeñaría centra a temática dun curso de verán da USC na Escola Politécnica Superior

Logotipo da Universidade de Verán 2017 da USC
Logotipo da Universidade de Verán 2017 da USC

‘ Ofimática en proxectos de enxeñaría’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá do 3 ao 6 de xullo na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC. Estruturado en 28 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 15 persoas, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido polo profesor do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría Martín Barrasa Rioja.

Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC e que conta con financiamento para a súa celebración da Deputación Provincial de Lugo, pasan por dar a coñecer distintos programas e aplicacións informáticas de uso habitual no ámbito profesional dos proxectos de enxeñaría, ademais de presentar e realizar unha primeira achega a distintos software que se utilizan dun xeito xeneralizado nas oficinas de proxectos.

Estruturado en sesións cunha orientación máis práctica, os relatores responsables de impartir as distintas sesións programadas, afondarán en aplicacións e programas de ofimática, tales como Project Libre, Mendeley, bases de datos & menfis, Microsoft Excel, Anepro, Avaliación ambiental de proxectos: EIA09, Mapas conceptuais/mentais: CMaps Tools & MindMup, ou programas de estrutura e desglose de traballo como FreeMind & WBSTool.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 23 de xuño.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.06.2017.