As oitavas xornadas de formación Educación, Xénero e Igualdade debaten as formas múltiples de violencia contra as mulleres
O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos do Xénero da USC (CIFEX) organiza unhas xornadas coas que promover entre as persoas novas, particularmente nos homes pero tamén entre as mulleres, un cambio de actitudes favorables cara un modelo de convivencia igualitaria e dunhas relacións interxénero equitativas e democráticas. A finalidade específica é que os/as futuros/as profesionais da formación e educación humana incorporen estas consideracións respecto do xénero na súa bagaxe científica, académica e práctica. As oitavas xornadas de formación Educación, Xénero e Igualdade celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) este xoves 11 e o venres 12. O seu lema ‘Formas múltiples de violencia contra as mulleres’ reflicte a súa intención de abordar de xeito multidisciplinario as “múltiples formas de violencia, abuso e explotación ás que poden estar sometidas as mulleres”, explica a directora das xornadas, a profesora Rita Radl. O programa deseñada permitirá ofrecer unha preparación específica e científica en relación ás múltiples formas de violencia contra as mulleres como cuestión central das relacións de xénero, con especial atención aos futuros/as profesionais da educación, formación e socialización humana. Programa O acto inaugural presidiuno a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva, estando prevista ademais a presenza da secretaría xeral de Igualdade, Susana López; da concelleira delegada de Xuventude e Normalización, Rebeca Domínguez Iglesias; así como da directora do CIFEX, Rita Radl. Deseguido abriuse un coloquio sobre novas formas de violencia, acoso e explotación das mulleres nos ámbitos institucionais que terá continuidade na sesión da tarde nun segundo coloquio titulado ‘Violencia no contexto do traballo e reforma laboral. As consecuencias para as mulleres’. Este primeiro día remata co obradoiro ‘Situacións de especial violencia laboral: O empobrecemento extremo no contexto do traballo textil internacional’. O venres 12 comezará cun coloquio-debate arredor da prostitución e proseguirá coa conferencia da profesora da Universidade de Peradeniy (Sri Lanka) Carmen Wickramagamage para falar da perspectiva pública e privada da violencia contra as mulleres en Sri Lanka e o sur de Asia. O encontro rematará cun coloquio e posterior debate sobre explotación e violencia sexual de mulleres, nenas e nenos dende un enfoque multidimensional.