As oitavas xornadas de formación Educación, Xénero e Igualdade exploran as ‘Formas múltiples de violencia contra as mulleres’
O Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos do Xénero da USC (CIFEX) organiza unhas xornadas coas que promover entre as persoas novas, particularmente nos homes pero tamén entre as mulleres, un cambio de actitudes favorables cara un modelo de convivencia igualitaria e dunhas relacións interxénero equitativas e democráticas. A finalidade específica é que os/as futuros/as profesionais da formación e educación humana incorporen estas consideracións respecto do xénero na súa bagaxe científica, académica e práctica. As oitavas xornadas de formación Educación, Xénero e Igualdade celebraranse no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) os días próximas 11 e 12 de abril. O seu lema ‘ Formas múltiples de violencia contra as mulleres’ reflicte a súa intención de abordar de xeito multidisciplinario as “múltiples formas de violencia, abuso e explotación ás que poden estar sometidas as mulleres”, explica a directora das xornadas, a profesora Rita Radl. O programa deseñada permitirá ofrecer unha preparación específica e científica en relación ás múltiples formas de violencia contra as mulleres como cuestión central das relacións de xénero, con especial atención aos futuros/as profesionais da educación, formación e socialización humana.