Ir o contido principal

O oitavo concerto do Ciclo de Novos Intérpretes reúne dous violoncellos e un piano arredor de obras de Bach, Beethoven, Brahns, Haydn ou Liszt

Dous violoncellos e un piano porán a nota no oitavo concerto do Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza que este martes 13 volverá abrir as portas do Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia, a partir das 20.30 horas con entrada libre. O concerto desenvolverase organizado en tres partes, as dúas primeiras da man de dúas novas violoncellistas pontevedresas, para rematar coa execución ao piano de Iago Hermo. Laura Juncal, alumna de último curso de grao profesional no Conservatorio de Pontevedra, será quen dea os primeiros compases a partir dunha selección da terceira suite para violoncello só de Bach e dunha sonata de Beethoven. Deseguido, o arco pasará ás mans de Jimena Andión, do Conservatorio Superior da Coruña, cunha execución arredor de Brahns e do compositor checo Bohuslav Martinu. Ambas estarán acompañadas ao piano por Leticia Folgar. O pianista Iago Hermo pechará este oitavo concerto con pezas de Bach, Haydn, Liszt e do arxentino Alberto Ginastera. O músico é un novo valor natural de Rianxo, de vinte anos de idade, que o ano pasado rematou co premio fin de grao os estudos profesionais no Conservatorio de Santiago. O Ciclo Novos músicos de toda Galicia están a intervir ata finais de marzo nun ciclo no que a música de cámara é a protagonista e na que se poden escoitar intérpretes dunha gran variedade de instrumentos (piano, violín, clarinete, violoncello, saxofón, ...), canto e grupos de cámara pouco habituais (dúo de violoncellos, trío de frauta, clarinete e piano, dúo de frautas, ...). Como dende a súa primeira edición, o ciclo está especialmente dedicado aos máis novos intérpretes galegos e residentes en Galicia para que comecen a adquirir experiencia e a achegar a música ao público máis novo. Trece anos de historia e máis de catrocentos participantes avalan xa unha sólida traxectoria dunha convocatoria pensada a prol da difusión da música e para prestar un pequeno pero imprescindible apoio ao futuro da música en Galicia, aos novos valores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.03.2012.