Ir o contido principal

Olaia Sendón presenta ‘Kauflanders’ en Ciencias da Comunicación

Fotograma do filme 'Kauflanders'
Fotograma do filme 'Kauflanders'

Como cada martes deste mes de marzo, ás 18:00 horas no visionado 3 da Facultade de Ciencias da Comunicación mañá haberá unha nova cita co ciclo ‘A outra mirada: Cinema e muller’, un espazo creado por un grupo de alumnas da Facultade coa fin de visibilizar o traballo da muller dentro de audiovisual máis aló da interpretación e que este ano se dedica a catro directoras galegas.

Na sesión do día 14 contarase coa presenza de Olaia Sendón, directora de Kauflanders e licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Autónoma de Barcelona e actual docente na Escola de Imaxe e Son de A Coruña.

Con variedade de estilos e unha traxectoria chea de recoñecementos tanto locais como internacionais, Olaia achega Kauflanders, unha longametraxe que entra dentro dun proxecto máis amplo no que, a través do documental, dunha páxina web e unha curta experimental, se asiste ao resultado de tres anos de conversas entre amigos, familiares e coñecidos sobre a situación actual do mundo.

Trátase dunha cuestión xeracional na que, en palabras da directora, “o futuro proxectado para nós se dilúe nun mundo de mudanzas constantes e incertezas. O pasado recente esvaécese nunha memoria tan hiperpoboada de imaxes coma volátil, e mentres nós, os Kauflanders, reunímonos para cear, falar do mundo e intentar construír unha memoria que nos defina e nos recorde".

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.03.2017.