Ir o contido principal

A Olimpíada Solidaria de Estudo recada axuda humanitaria ata o 24 de marzo

Imaxe de arquivo da Biblioteca Concepción Arenal. FOTO: Santi Alvite
Imaxe de arquivo da Biblioteca Concepción Arenal. FOTO: Santi Alvite
As persoas usuarias das bibliotecas da USC poden rexistrar o seu tempo de estudo a través dun código QR situado na entrada da biblioteca e que permite que, por hora rexistrada, se doe 1 euro
Lugo, Santiago de Compostela

A Olimpíada Solidaria de Estudo está a desenvolver  a edición número dezanove coa participación, unha vez máis, da USC. Deste xeito, o alumnado que desenvolva o seu tempo de estudo nas bibliotecas da Universidade, tanto no campus de Santiago como no de Lugo, pode rexistrar as horas que invista a través dun código QR que estará ao lado do cartel da Olimpíada na entrada da biblioteca. Por cada hora de estudo rexistrada, a persoa usuaria doará 1 euro que se transformará en axuda humanitaria para as máis de 29.700 persoas que, nas zonas de Kiev, Ivano-Frakivsk e Zakarpattia, están a ser vítimas da guerra entre Ucraína e Rusia e nas que un equipo de Coopera ONG e ONG RESCATE están a traballar conxuntamente.

En concreto, no Campus de Santiago, participan as bibliotecas Concepción Arenal, Xeral, Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias Económicas e Empresariais, Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química, e Xeografía e Historia. En Lugo, involucráronse na Olimpíada Solidaria a Bibliotecas Intercentros, xunto coas de Formación do Profesorado e Veterinaria. A iniciativa esténdese ata o 24 de marzo.

A Olimpíada Solidaria de Estudo é unha actividade de sensibilización e educación para o desenvolvemento a través da cal a mocidade pode participar e comprometerse con proxectos de cooperación ao desenvolvemento. A ONG COOPERA leva máis de 20 anos traballando en Ucraína en proxectos de acollida internacional para nenas e nenos ucraínos orfos. Coas horas de estudo brindarase apoio a vítimas da guerra, facilitando o acceso á vivenda, prestando atención psicolóxica á cativada e familias en idade escolar, material de acollida, calefacción e medios de transporte.

Na última edición, correspondente a 2019, a Olimpíada reuniu 404.415 horas de estudo, coa participación de 41.819 estudiantes e 252 salas de dez países: España, Francia, Italia, Portugal, Bélxica, Países Baixos, Luxemburgo, Inglaterra, Hong Kong e Costa de Marfil. A iniciativa serviu para dar apoio a proxectos de cooperación en Ecuador, República Democrática do Congo e Senegal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2023.