Ir o contido principal

A Olimpíada Solidaria de Estudo recadou 35.778 euros nas bibliotecas da USC

Biblioteca Concepción Arenal
Biblioteca Concepción Arenal

A Olimpíada Solidaria de Estudo, iniciativa pola que por cada hora de estudo en bibliotecas dos campus de Santiago e Lugo doarase un euro a proxectos solidarios, conseguiu recadar este ano na USC un total de 35.778 euros. A cantidade equivale ao número de horas acumuladas polos máis de 3.000 estudantes da USC que entre o 5 de novembro e o 5 de decembro pasado contabilizaron as súas horas de estudo. A Universidade de Santiago sumouse este ano novamente á Olimpíada Solidaria de Estudo que alcanza a súa décimo terceira edición. O total de horas acumuladas polos universitarios de España, Croacia e Portugal servirán agora para apoiar un proxecto en Senegal e outro en Ecuador.

Para facer o cómputo total das horas, habilitouse un terminal informático, no que o estudantado tiña que introducir a súa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) á entrada e saída das salas de estudo. Para que se realizara o cómputo o alumnado debía acumular como mínimo unha hora e un máximo de catro. O alumnado interesado en cooperar podía facelo nas zonas de estudo das bibliotecas de Ciencias da Educación e Veterinaria e na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. En Compostela, na Biblioteca Xeral e na Concepción Arenal, así como na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación (Campus Norte), Ciencias Económicas e Empresariais, Farmacia, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química e Xeografía e Historia.

Os centros que máis horas/euros rexistraron foron a Biblioteca Concepción Arenal (14.517) e a Intercentros de Lugo (4.498). Por Facultades, destacan Filoloxía (2.389), Bioloxía (1.829) e Física (1.589). As mulleres, 2.124, duplicaron o número de homes (909) que participaron na iniciativa.

Cos fondos recadados, a ONGD Coopera seguirá traballando en Senegal coa escola Omar IbnKhatab de Malucounda á que apoia dende hai varios anos. O proxecto de 2015 persegue mellorar a nutrición das nenas e nenos desta escola coa posta en marcha dunha granxa gandeira que abastecerá á cantina escolar. Os 150 menores do centro proveñen de familias con poucos ou nulos ingresos. En Ecuador, a ONG Cooperación Internacional realizará unha intervención de mellora de infraestruturas na comunidade indíxena de Cotacachi da que se beneficiarán máis de 1.600 persoas. Este proxecto inclúe mellora dos materiais e de modelos pedagóxicos en dez escolas do sistema educativo durante un período dun ano.

O intercambio de horas de estudo por euros é posible grazas á colaboración do cadro de patrocinadores, entre os que se atopan o Concello de Santiago, o Goberno da Rioxa, a Xunta de Castela e León, o Concello de Logroño; as empresas Palacios, Ochoa e SDI Soluciones informáticas, así como a Obra Social de IberCaja.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2015.