Ir o contido principal

A Olimpíada Solidaria de Estudo na USC recada este ano case o dobre que o pasado

A Olimpíada Solidaria de Estudo na USC recada este ano case o dobre que o pasado
A Olimpíada Solidaria de Estudo na USC recada este ano case o dobre que o pasado
Os máis de 44.000 euros destinaranse a un proxecto de cooperación en Senegal

Grazas á colaboración de 2.802 estudantes (952 homes e 1.850 mulleres), a décimo sexta edición da Olimpíada Solidaria de Estudo bateu récords na USC, recadando nas súas 18 bibliotecas un total de 44.463 euros que superan con creces os 23.442 do pasado ano.

A Olimpíada Solidaria de Estudo, creada pola ONGD Coopera, consiste en trocar horas de estudo por euros que se destinan a diferentes proxectos solidarios. Nesta ocasión apóiase a implantación do Ciclo de Primaria na Escola Infantil Arco Iris de Senegal, onde se imparte educación de calidade, clases de inglés e castelán, se lles realizan controis sanitarios ás nenas e nenos e se complementa a súa nutrición. A ampliación a máis cursos no centro permitiralles continuar co novo ciclo oficial de ensino de 6 a 11 anos na que foi ata agora a súa escola, evitando así o risco que implicaría para os menores transitaren eles sos por traxectos perigosos.

Na edición deste ano, no campus de Compostela acadáronse 37.535 horas de estudo, coa Biblioteca Concepción Arenal á cabeza, e no de Lugo 9.928, cun lugar salientable a Intercentros. En terceiro, cuarto e quinto lugar quedaron as facultades de Física, Filoloxía e Matemáticas, esta última cun aumento considerable de participación con respecto ao ano pasado.

“Á vista deste datos podemos seguir afirmando que a USC é líder na promoción da participación social e do voluntariado non só polo número de estudantes participantes en proxectos, senón tamén pola fundamental implicación de todo o persoal, sexa PAS ou PDI”, afirma o responsable da campaña na USC e técnico do Servizo de Participación e integración Universitaria, Ernesto Gómez.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2018.