Ir o contido principal

Oliver Laxe salienta a "fermosura do rural" e convida ao alumnado de XuvenCiencia a "equivocarse"

Novo, Valcárcel e Laxe, na clausura do campus XuvenCiencia en Rede
Novo, Valcárcel e Laxe, na clausura do campus XuvenCiencia en Rede
A vicerreitora Montserrat Valcárcel e a coordinadora do grupo de innovación educativa XuvenCiencia da USC, Mercedes Novo, pecharon un “exitoso” campus de verán en rede que permitiu iniciar no mundo da investigación a ducias de mozas e mozos galegos
Lugo, Santiago de Compostela

O cineasta con raíces nos Ancares Lugueses Oliver Laxe clausurou este venres o campus de verán XuvenCiencia en Rede, co relatorio ‘Na procura da autorrealización’, unha charla que, alén de afondar na súa experiencia persoal, alentou ao alumnado implicado nesta primeiro achegamento ao mundo da investigación promovida polo grupo de divulgación científica e innovación educativa da USC que coordina Mercedes Novo a “experimentar e a equivocarse”.

“Veño a contar como foi o meu camín, como me perdín. O consello que lle dou á xente nova cando dou aulas é que se perdan, que se equivoquen. É importante ser un bo científico, unha boa cineasta, pero é máis importante ser unha persoa libre, emancipada , en harmonía co que a rodea”, adiantou ao comezo da súa charla Oliver Laxe, unha das voces máis singulares do Novo Cinema Galego, e recoñecido internacionalmente grazas aos títulos Todos vós sodes capitáns, Mimosas e O que arde, a máis recente.

Laxe aproveitou este encontro co estudantado e tamén cun nutrido grupo de profesores e investigadores, unha sesión que se puido seguir vía streaming pola canle de YouTube do Campus Terra da USC, para relatar algunhas das accións que está a desenvolver nos Ancares Lugueses ao abeiro do proxecto Casa Quindós. “Teño a fortuna de vivir no paraíso desde hai catro meses”, remarcou, ao tempo que advertiu á mocidade de que “no transo de elixir unha carreira cómpre diferenciar o que vén do corazón do ego e dos medos”. “É terrible esta sociedade do eloxio da personalidade, do éxito”, criticou o cineasta, para logo engadir que “Sentir que o mundo é máis grande que nós é un exercicio de humildade”.

Moi apegado a realidade rural, tanto na actualidade na aldea de Vilela, nos Ancares, como durante a etapa vital que gozou en Marrocos, Oliver Laxe recoñeceu que “vivir na órbita da natureza sérvelle ao ser humano para ter controlado o seu ego”. Nunha exposición de carácter íntimo, o director de ‘O que Arde’ comentou que “a miña expectativa é andar a quitar silvas de aquí ate que morra, pois o rural será sempre fermoso e alimentaranos”. O que estou a facer agora nos Ancares Lugueses constitúe unha experiencia de “subsistencia”, pois “o que procuro é ser feliz”, sentenciou.

Antes da intervención de Oliver, a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e a tamén profesora da USC e coordinadora do grupo XuvenCiencia, Mercedes Novo, resaltaron o éxito desta edición do campus de verán en rede, “unha experiencia condicionada polas limitacións derivadas da pandemia provocada pola COVID-19, pero realmente moi proveitosa”, salientou Novo, quen adiantou que parte do traballo e dos proxectos desenvolvidos polos xuvencientíficos e xuvencientíficas ao abeiro deste campus en rede poderán desenvolverse tamén de xeito presencial en futuras edicións desta iniciativa, a través da que XuvenCiencia busca espertar e consolidar vocacións científicas entre o alumnado preuniversitario.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.07.2020.