Ir o contido principal

Once centros da USC, premiados pola súas boas prácticas e polo seu labor de innovación docente

Foto de familia de reitor, vicerreitora, adxunto para a Calidade e premiados/as. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia de reitor, vicerreitora, adxunto para a Calidade e premiados/as. FOTO: Santi Alvite
A Escola Técnica Superior de Enxeñaría e as facultades de Ciencias, Ciencias Económicas e Empresariais, Ciencias da Comunicación, Filoloxía, Física, Formación do Profesorado, Óptica e Optometría, Psicoloxía, Química e Veterinaria foron os centros galardoados
Lugo, Santiago de Compostela

A USC acaba de distinguir os esforzos cara a innovación docente desenvolvidos en oito das súas facultades e escolas, así como oito experiencias concretas de boas prácticas, entendidas estas como conxunto de principios, medidas e actuacións xa implantadas que, reportando vantaxes de forma constatada, conforman un referente a seguir. O acto que se desenvolveu este xoves 20 no Salón de Graos do Colexio San Xerome, estivo presidido polo reitor Antonio López e contou coa participación da vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso, e do adxunto á vicerreitoría para Calidade, Antonio Mosquera. “Esta iniciativa anima a que se poñan en marcha accións de mellora”, afirmou Antonio López para logo poñer o foco no repositorio de boas prácticas da USC ao que definiu como “caudal de iniciativas” do que a comunidade universitaria pode “alimentarse”. 
 
No capítulo relativo á innovación docente, na convocatoria correspondente a 2022, recoñeceuse o labor desenvolvido pola Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) e polas facultades de Ciencias, Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía, Formación do Profesorado, Óptica e Optometría, Química e Veterinaria. O recoñecemento como centro docente innovador supón o incremento da contía a recibir. Para obtelo, cada candidatura tivo que presentar un informe global sobre todas as actividades relacionadas coa innovación docente que desenvolve en materias das titulacións impartidas, publicacións relativas a este eido, actividades de formación, grupos de innovación docente activos coa participación de profesorado do centro, ou implicación de docentes do centro en proxectos de innovación educativa, entre outros. 

Boas prácticas

No relativo ás boas prácticas, premiáronse diversas experiencias que serán incorporadas ao repositorio de boas prácticas en materia de calidade, o cal xa alberga 23 prácticas que resultaron recoñecidas nas convocatorias de 2019, 2020 e 2021. Esta distinción tamén supón un  incremento da contía a recibir polo centro. 

‘Enquisa de avaliación de competencias’ foi a experiencia da ETSE premiada como boa práctica. Esta enquisa leva desenvolvéndose neste centro dende o curso 2015-16 de forma periódica e recolle as opinións do estudantado de último curso, profesorado, egresados/as e empregadores/as, permitindo a comparación das opinións entre diferentes colectivos. 

O programa de benvida que desenvolve a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e que conta cunha guía para estudantado e outra para profesorado foi tamén distinguido. Esta medida implantouse no curso 2018-2019 e actualízase cada ano. 

Dúas boas prácticas pertencentes á Facultade de Ciencias da Comunicación foron tamén premiadas. Trátase da mellora da taxa de participación do alumnado dos títulos (grao, dobre grao, mestrado) nas enquisas de satisfacción coa docencia recibida; así como o deseño, difusión e xeración de informes derivados da enquisa propia da Facultade de Ciencias da Comunicación sobre a satisfacción dos titores profesionais coas prácticas externas.

‘Converxencias’ é o título da boa práctica premiada na Facultade de Filoloxía. Trátase dun espazo de encontro e converxencia de intereses, que ten como principal obxectivo mobilizar o profesorado e estudantado arredor dun tema transversal de interese para todas as áreas de coñecemento do centro e que se materializa nunha actividade colaborativa anual. 

A Facultade de Física foi tamén galardoada polas súas Xornadas de Orientación Laboral deseñadas para vincular a formación co mundo empresarial, ademais de proporcionar información sobre as opcións de emprego e o proceso de integración laboral.  O obxectivo das xornadas foi conectar directamente ao estudante coas empresas mais importantes do sector, ofertando desta forma, garantías de inserción. 

O Plan FORTE-FFP (Plan de Formación, Orientación e Titorización do Estudantado da FFP), boa práctica premiada na Facultade de Formación do Profesorado, ten por obxecto orientar e tutelar o alumnado na súa incorporación á universidade e durante todo o período de estudos, coa finalidade de favorecer a súa aprendizaxe, o seu desenvolvemento e a orientación laboral. 

‘Tempo da psicoloxía’, xornadas que constan de catro sesións que se distribúen ao longo da semana da psicoloxía (terceira semana do mes de febreiro), foi a experiencia premiada na Facultade de Psicoloxía. En cada edición, selecciónase un tema de actualidade sobre o que xira toda a actividade e na que participan profesionais, representantes de colectivos de interese, axentes sociais e responsables políticos. 

Recolleron os diversos galardóns Julia González Álvarez, directora da ETSE; Ramiro Barcia, vicedecano de Ciencias; Xoán Ramón Doldán, decano de Ciencias Económicas e Empresariais; Antía López Gómez, vicedecana de Ciencias da Comunicación; Laurance Malingret, vicedecana de Filoloxía; Beatriz Fernández Domínguez, vicedecana de Física; Carmen Sarceda, decana de Formación do Profesorado; María Jesús Giráldez, decana de Óptica e Optometría; María José Sampedro, decana de Psicoloxía, María del Carmen Barciela, secretaria académica de Química; e Natalia Vilariño, coordinadora do grao en Veterinaria. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.07.2023.