Ir o contido principal

As ONGDs e as tres universidades galegas analizan a nova Axenda de Desenvolvemento para os próximos 15 anos

A Coordinadora Galega de ONGD xunto á Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD) organizan este venres 11 na Facultade de Xeografía e Historia a xornada ‘Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: unha oportunidade real para acabar coa pobreza global?’, que comezará a partir das 9.30 horas. Para analizar como está a ser o proceso de construción deste novo calendario de accións de loita contra as desigualdades e a pobreza mundial e coñecer o papel dos diferentes actores neste proceso, as xornadas contarán coa participación de persoas expertas de distintos ámbitos. Entre outras, Koldo Unceta, catedrático de Economía Aplicada da Universidade do País Vasco (UPV/EHU); Yayo Herrero, directora da FUHEM; Itziar Ruiz-Giménez, coordinadora do Grupo de Estudos Internacionais (GERI) da Universidade Autónoma de Madrid; e María Luisa Gil, de Economistas sen Fronteiras. Os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) aprobados en 2000 polas Nacións Unidas eran oito concretos que se debían ter alcanzado en 2015: redución da pobreza; acceso á educación; igualdade de xénero e empoderamento das mulleres; saúde materna e infantil; redución do VIH/SIDA e enfermidades transmisibles; sostibilidade ambiental; e construción dunha Alianza Mundial para o Desenvolvemento. Xa en 2010, na reunión plenaria de alto nivel da Asemblea Xeral de Nacións Unidas para examinar o progreso cara aos ODM, os gobernos instaron a idear medidas para promover o programa de desenvolvemento máis alá de 2015 visto que os obxectivos non se alcanzarían nese período de tempo. Esa foi a orixe da nova Axenda de Desenvolvemento e os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) que Nacions Unidas ten previsto aprobar o vindeiro 24 de setembro nun Cumio de Desenvolvemento Sostible. Serán dezasete esta vez os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que marcarán os retos a abordar ata o ano 2030 para conseguir acabar coas desigualdades, entre eles poñer fin á pobreza en todas as súas formas; reducir a desigualdade entre países; combater o cambio climático e loitar contra os seus efectos; lograr a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e as nenas; ou lograr a seguridade alimentaria e promover a agricultura sostible.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2015.