Ir o contido principal

Óptica celebra a festividade do centro coa vista posta no proceso de acreditación para obter o Diploma Europeo en Optometría

Esther Amaro, esquerda, Ernesto González, Julie-Anne Little e María Jesús Giráldez. FOTO: Santi Alvite
Esther Amaro, esquerda, Ernesto González, Julie-Anne Little e María Jesús Giráldez. FOTO: Santi Alvite
O plan de estudos do grao en Óptica e Optometría é o que máis se aproxima nas universidades españolas aos estándares da UE, o que facilitaría obter este certificado

A Facultade de Óptica e Optometría conmemorou este mércores 11 a festividade do centro cun acto que xirou arredor da consecución do Diploma Europeo en Optometría como garantía da calidade do grao en Óptica e Optometría. No acto interviñeron o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González; a decana da Facultade, María Jesús Giráldez; a responsable da Xunta de Cualificacións Europeas do Diploma Europeo en Optometría (European Council of Optometry and Optics, ECOO), Julie-Anne Little; e a presidenta do Colexio profesional de Ópticos Optometristas de Galicia, Esther Amaro.

Estándares europeos
O plan de estudos do Grao en Óptica e Optometría da USC é, de toda España, o que máis se aproxima aos estándares do Diploma Europeo de Optometría, con 15 ECTS de práctica clínica que se imparten no Servizo de Optometría, a clínica universitaria de optometría da USC. É precisamente este un dos principais criterios establecidos polo ECOO como imprescindible para a acreditación ao diploma europeo, garantindo a formación e a adquisición de competencias para un futuro profesional inmediato con garantías.

Nunha formación no ámbito da saúde, para o exercicio dunha profesión sanitaria non médica (segundo a lei de Ordenación de profesións sanitarias), a ECOO establece o número mínimo de pacientes manexados polo estudantado como o principal indicador da calidade da súa formación. Partindo disto, este criterio trata de impulsar na Facultade de Óptica e Optometría da USC, a través do propio deseño do plan de estudos e contando co Servizo de Optometría como centro esencial e fundamental para a docencia clínica, para iniciar o proceso de acreditación ao mencionado Diploma Europeo.

A decana María Jesús Giráldez anunciou durante a conmemoración que “iniciaremos proximamente o proceso de acreditación da titulación ao Diploma Europeo como garantía de calidade na formación que permitirá a mobilidade para exercer a profesión en Europa”.

Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
Parte do público asistente ao evento. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2024.