Ir o contido principal

A ordenación do espazo marítimo e litoral galego e a súa xestión sustentable, a análise nun encontro en Santiago

O Idega e o CES focalizarán a xornada na necesidade dunha planificación territorial eficiente para a economía azul en Galicia. Foto: Santi Alvite
O Idega e o CES focalizarán a xornada na necesidade dunha planificación territorial eficiente para a economía azul en Galicia. Foto: Santi Alvite
O Idega e o CES focalizarán a xornada na necesidade dunha planificación territorial eficiente para a economía azul en Galicia
Santiago de Compostela

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) e o Consello Económico e Social de Galicia (CES) organizan a I Xornada Internacional sobre Economía Azul e a Ordenación do Espazo Litoral en Galicia, que terá lugar o 4 de xuño no Pazo de Amarante (Algalia de Abaixo 24, Santiago de Compostela).

O encontro abordará a crecente importancia da ordenación do espazo marítimo e litoral nun contexto de intensificación do uso dos océanos e de necesidade dunha xestión sustentable. Dez anos despois da Directiva 2014/89/UE, que estableceu o marco para a ordenación do espazo marítimo, a xornada focalizarase na necesidade dunha planificación territorial eficiente para a economía azul en Galicia, e mais concretamente nos desafíos que presenta o desenvolvemento do sector eólico mariño.

O IDEGA, a través do seu Núcleo de Estudos do Litoral (NEAL), traballa para afrontar os desafíos xurídicos, económicos, sociais e ambientais da ordenación do litoral galego, coa fin de informar políticas públicas e asesorar ás institucións na xestión deste espazo. Pola súa banda, o CES, como foro de deliberación entre axentes económicos e sociais e os poderes políticos, continúa así a súa reflexión sobre o futuro das enerxías renovables, iniciada en 2024. A colaboración de ambas as dúas organizacións permitirá que o evento analice aspectos chave da economía azul e a ordenación do espazo litoral, con especial atención ás enerxías renovables.

Desta maneira, o encontro procura fomentar a coordinación e o diálogo entre as administracións, a academia e as comunidades litorais na procura dun equilibrio entre o aproveitamento económico, a protección ambiental e a regulación do uso do litoral.

Aínda que a asistencia é de balde, para asistir é preciso inscribirse ata o 3 de xuño. A capacidade da sala está limitada a 40 participantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2025.