A ordenación territorial en Cataluña e Asturias, a análise nunhas xornadas xeográficas na USC
O grupo de investigación ANTE que coordina o profesor Rubén Lois organiza a vindeira semana unhas xornadas xeográficas nas que impartirán conferencias recoñecidos xeógrafos españois, algúns dos cales con responsabilidades de ordenación do territorio nos gobernos asturiano e catalán. O encontro desenvolverase os días 12 e 13 na sala de profesores da Facultade de Xeografía e Historia. Na primeira xornada intervirán o profesor da Autónoma de Barcelona Oriol Nel·lo Colom para explicar as dinámicas urbanas e planificación territorial en Cataluña no período 2003-2010; Josefina Gómez Mendoza, catedrática da Autónoma de Madrid, que debuxará o perfil da profesión na actualidade; e Guillermo Morales Matos, da Carlos III de Madrid, que pronunciará o relatorio ‘Un acertado caso de ordenación costeira. O exemplo de Asturias’. O mércores 13 terá lugar unha única conferencia, ‘As cidades europeas desde a literatura e a crítica literaria’, a cargo do catedrático de Literatura da Christian- Albrechts-Universität de Kiel, Javier Gómez Montero.