Ir o contido principal

Os organizadores da décima conferencia internacional 'Textbooks and Educational Media' celebran unha xuntanza de traballo en Santiago

Este encontro internacional celebrarase en setembro en Compostela baixo o lema 'Identidades locais, nacionais e transnacionais nos libros de textos e recursos educativos'

Membros da directiva da International Association for Research on Textbooks and Educational Media (IARTEM) inician este martes 3 unha visita a Santiago co obxecto de planificar o desenvolvemento da décima conferencia internacional ‘Textbooks and Educational Media’, que se celebrará a comezos de setembro en Compostela. Esta décima edición do congreso traerá a debate o tema ‘Identidades locais, nacionais e transnacionais nos libros de textos e recursos educativos’.
A xuntanza, entre outros, contará coa asistencia da presidenta da asociación, a profesora da Vestfold University College, Susana V. Kudsen, e do profesor da USC Xesús Rodríguez, igualmente integrante deste colectivo.
Este encontro internacional traerá a Santiago o debate ao redor das complexas e múltiples relacións entre o contexto do proceso ensino-aprendizaxe e a socialización de identidades nacionais. Partindo desta premisa, as sesións focalizaranse no proceso de deseño, desenvolvemento, uso e selección de obxectivos dos libros de textos e outros recursos pedagóxicos. En opinión dos promotores do congreso, “será unha boa ocasión para mostrar os libros de textos e outros medios pedagóxicos como recursos para o desenvolvemento de cidadáns locais, nacionais e transnacionais” ao tempo que promover “unha rede de traballo e construción da sociedade do coñecemento”.
Os integrantes da asociación teñen previsto manter un encontro cos medios de comunicación o próximo mércores 4 para dar conta das liñas xerais do congreso, así como presentar o significado e alcance da IARTEM en relación coa investigación no eido dos libros de texto e cos medios e recursos didácticos en xeral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.02.2009.