Ir o contido principal

Organizan un curso de técnica vocal para docentes de Ciencias da Educación

O ‘Curso de técnica vocal para docentes’ celebrarase os días 27 e 29 de febreiro na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) en forma de sesións con parte teórica e posta en práctica de exercicios de adestramento da técnica vocal. Os destinatarios son o persoal docente e investigador deste centro compostelán. Impartirá o curso a profesora, actriz de dobraxe e locutora María Julia Diz.

Esta é unha proposta formativa da Asociación de Investigadoras e Investigadores Herminio Barreiro, que oferta un total de 20 prazas. O curso axudará a coñecer o mecanismo de fonación e os diversos niveis implicados na produción da voz, as principais calidades do son e os resultados do seu emprego na emisión. Ademais de realizar un achegamento ás principais alteracións da voz, o curso tentará dotar aos futuros docentes dos recursos e estratexias fundamentais para o desenvolvemento da súa profesión nas mellores condicións vocais o que redundará na prevención de problemas de voz derivados do seu uso incorrecto.

A data límite de inscrición é o día 22 de febreiro, debendo cubrir a folla de inscrición aloxada en liña (http://ir.gl/tecnicavocal) e facer o ingreso relativo á cota de inscrición, de 20 euros para non socios/as e 10 para socios/as .

A Asociación de Investigadoras e Investigadores Herminio Barreiro está aberta a investigadores/as de calquera disciplina, tendo como requisito o de ser persoal nalgunha das seguintes condicións: alumnado de doutoramento ou máster, bolseiros de investigación, técnicos de investigación, contratados de investigación ou calquera outra situación remunerada ou non nas que se poidan atopar investigadores noveis.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.02.2012.