Ir o contido principal

Organizan un curso sobre as últimas novidades sobre imaxe 3D Raman

As universidades de Santiago e Cantabria e o Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana son os tres centros españois nos que se celebrará o obradoiro 3D Raman Imaging Meets. AFM and Profilometry co obxecto de mellorar o coñecemento de expertos/as sobre imaxes estruturais e químicas de alta resolución en escala nanométrica. Esta é unha xornada organizada pola Unidade de Espectroscopía IR-RAMAN emprazada no CACTUS en colaboración con Witec. A xornada en Compostela celebrarase o vindeiro xoves 16 na Sala de Accessgrid do edificio Cactus de Santiago, estando previsto que o persoal investigador do Campus de Lugo poida acceder igualmente a esta xornada dende a Sala Accessgrid luguesa. Para o desenvolvemento da sesión, as persoas que se inscriban disporán do equipo de imaxe Raman Alpha 300 que permitirá realizar probas a resolución das mostras que se acheguen. Os campos de aplicación da espectroscopía Raman aumentaron nos últimos anos estendéndose a múltiples eidos, dende a súa utilización na investigación farmacéutica, con nanopartículas, ata as ciencias forenses, a conservación artística, a análise de contaminantes ou a xemoloxía, entre moitos outros. Na actualidade existen no mercado equipos cuxas prestacións facilitan a resolución de problemas cada vez máis complexos. As persoas interesadas poden atopar máis información no enlace http://imaisd.usc.es/ftp/oit/eventos/WTC_ROADSHOW_SPAIN_260413.pdf.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.05.2013.