Organizan en Pontevedra un seminario sobre documentación musical en Galicia
A área de música do departamento de Historia da Arte da USC organiza en Pontevedra o seminario ‘Documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudo e difusión’ que reunirá a persoal experto de universidades españolas, do CSIC, do Conservatorio de Vigo e do Museo da cidade, que acollerá este encontro os días 14 e 15 de decembro. O curso consta de sete conferencias e catro sesións de comunicación estruturadas en catro sesións distintas dedicadas ao estudo das fontes, á edición musical das fontes históricas en Galicia e a súa problemática, ás bandas de música e ao legado de Casto Sampedro e o mundo musical de Pontevedra. O seminario está organizado polo proxecto ‘Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia (1875-1936) que dirixe o profesor Carlos Villanueva e que se enmarca nas actividades do grupo da USC que traballa en estudos históricos da música en Galicia entre os séculos XI e XX.