Organizan en Pontevedra un seminario sobre documentación musical en Galicia
A área de música do departamento de Historia da Arte da USC organiza en Pontevedra o seminario ‘Documentación musical en Galicia: metodoloxías para o estudo e difusión’ que reunirá a persoal experto de universidades españolas, do CSIC, do Conservatorio de Vigo e do Museo da cidade, que acollerá este encontro os días 14 e 15 de decembro. O seminario está organizado polo proxecto ‘Fondos documentais de música nos arquivos civís de Galicia (1875-1936)’ que dirixe o profesor Carlos Villanueva e que, integrado por docentes da USC e de Vigo, se enmarca nas actividades do grupo que traballa en estudos históricos da música en Galicia entre os séculos XI e XX. Froito do seu labor, en colaboración con diferentes organismos como o Museo de Pontevedra, a Fundación Barrié, o Museo do Pobo Galego, as deputacións ou a Residencia de Estudiantes de Madrid publicaron importantes monografías sobre temas relacionados coa vida musical galega. No encontro actualizaranse as actuacións nos diversos campos que se foron trazando desde 2009 entre os membros do equipo e outro persoal investigador que traballan nalgúns dos puntos que o propio programa desenvolve como o estudo das fontes,presidido por Javier Garbayo, as edicións e a súa problemática dirixido por Beatriz del Fresno, as bandas de música de Carlos Villanueva ou o legado de Casto Sampedro ligado ao Museo de Pontevedra que dirixe José Antonio Gómez.