Ir o contido principal

A orientación de políticas educativas e de emprego, obxectivo das XVII Xornadas da Asociación de Economía da Educación

O encontro inaugúrase este xoves 10 ás 10:00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais

Dar cabida ao debate entre expertos do papel da educación en cuestións relacionadas co mercado de traballo é o fin das XVII Xornadas que a Asociación de Economía da Educación (AEDE) celebrará os días 10 e 11 de xullo na USC. Os máis importantes especialistas de España en asuntos educativos daranse cita na USC para reflexionar e tentar chegar a acordos sobre a orientación de políticas educativas e de emprego.
O encontro, cuxa coordinadora local é a profesora do Departamento de Economía Cuantitativa Isabel Neira, é tamén un punto de partida importante para a reflexión dos estudos de economía e empresa así como do novo Espazo Europeo de Educación Superior.
As xornadas inauguraranse este xoves 10, ás 10:00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, nun acto ao que asisten o presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga; o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Julio Abalde; o vicerreitor de Economía e Financiamento, Miguel Vázquez Taín; o presidente da AEDE, José Sánchez Campillo; e a decana da Facultade; Maite Cancelo.
As xornadas de Economía da Educación, que se celebran dende 1992 en distintos puntos do territorio español e que nesta ocasión se enmarcan no 40 Aniversario da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago, contemplan varias conferencias e numerosas sesións paralelas entre as que destaca unha dedicada á inmigración e á relación co mercado de traballo en base á súa formación educativa.
Programa científicoLogo da inauguración darán comezo tres sesións paralelas de debate sobre a demanda de educación, avaliación dos sistemas educativos e inmigración. Son once as mesas de traballo que tratarán cuestións relacionadas co rendemento educativo, formación e mercado de traballo, capital social, xestión das institucións educativas, inserción laboral, capital humano e desenvolvemento, aprendizaxe e competencias, satisfacción laboral e estudos internacionais. En total, arredor de setenta comunicacións de máis de oitenta relatores tanto nacionais como internacionais.
Ademais, está prevista para o xoves ás 13:00 horas a conferencia ‘Capital social, capital humano e crecemento: medidas e resultados’ do director do Instituto Valenciano de Investigacións Económicas, Francisco Pérez. Xa o venres 11 terá lugar unha mesa redonda sobre os retos do novo Espazo Europeo de Educación Superior’ presidida por Luís Caramés Vieites, presidente da Organización de Economistas da Educación do Consejo General do Colegio de Economistas de España.
A AEDEA AEDE agrupa a profesionais que traballan en economía da educación xunto con outros expertos que o fan en campos próximos como socioloxía da educación ou política educativa. As actividades da asociación céntranse no entorno académico e de profesionais do ámbito da xestión e a administración educativa. Na actualidade, a AEDE ten máis dun centenar de socios, sendo unha das asociacións máis activas no campo educativo dende a perspectiva económica.
Ademais do seu encontro anual, a AEDE posúe unha lista de correo electrónico (ECONEDUC) de grande utilidade para o intercambio de información, especialmente se temos en conta que inclúe unha gran proporción de profesionais latinoamericanos. A descrición da lista pódese atopar en http://www.rediris.es/list/info/econeduc.html

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2008.