As orixes dos balnearios, spas e centros de talasoterapia achéganse nun curso da USC
Un curso de verán da USC achegará do 28 ao 31 de xullo as orixes dos spas, balnearios e centros de talasoterapia a partir da historia e da arqueoloxía. As sesións académicas, dirixidas pola profesora Raquel Casal, suman un total de 32 horas lectivas que se distribúen en tres xornadas a celebrar na Facultade de Historia de Santiago, na Escola de Formación do Profesorado de Lugo e no Auditorio Municipal de Ourense.
Os contidos versarán sobre a concepción destes espazos no mundo antigo, cos exemplos galegos de Lugo e Ourense, xunto co paradigma murciano de Fortuna e Archena. Tamén se tratará o rexurdir destes enclaves nos séculos XIX e XX, como sucedeu nos casos da Toxa e Mondariz, e as propostas de futuro dos seus promotores, dende a perspectiva do seu uso e aproveitamento na actualidade. Por último, preténdese dar a coñecer o interese patrimonial, arqueolóxico e turístico destes espazos como valor engadido á súa riqueza médica e lúdica.
Cofinanciado pola Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, o curso conta coa colaboración do Concello de Ourense e da Asociación de Balnearios de Galicia do Balneario de Lugo do Grupo Caldaria. No seu transcurso, os participantes visitarán o balneario romano de Lugo, o de Laias ou a área das Burgas de Ourense.