Ir o contido principal

A Orquestra da USC abre a convocatoria do curso 2017-2018 para prazas de instrumentistas e colaboradores

Cartaz da convcotoria da Orquestra da USC
Cartaz da convcotoria da Orquestra da USC

A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela, un proxecto educativo musical da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social da USC aberto á participación daquelas persoas que saiban tocar un instrumento orquestral, vén de abrir a convocatoria do curso 2017-18 para cubrir prazas de instrumentistas e colaboradores. Para obter máis información, consultar a web http://www.usc.es/es/servizos/cultura/espazocamara.html, onde se atopará tamén o formulario de solicitude.

A presente convocatoria está destinada a cubrir prazas naqueles instrumentos que despois das probas de admisión programadas para setembro aínda poden admitir a integrantes. Daquela, esta convocatoria ten por propósito establecer as bases para o proceso de selección das mencionadas vacantes do Espazo de Cámara da USC.

As persoas seleccionadas como instrumentistas poderán participar no grupo residente que ensaiará todos os martes lectivos do curso 2017-18, agás durante o período de exames, de 21.30h a 23.30h na Igrexa da Universidade, ademais de tomar parte noutros ensaios extraordinarios que queden programados.

Esta convocatoria para participar na Orquestra da Universidade vai dirixida a instrumentistas dos seguintes instrumentos: violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, trompas, trombóns, trombón baixo, percusión e arpa. Asemade, tamén se habilita unha lista de reserva para fágote, tuba e piano.

As especialidades para lista de reserva non están suxeitas a vacantes, aínda así poderase cubrir a presente convocatoria co fin de crear un banco de alumnos/as que poidan ser susceptibles de incorporación á programación da Orquestra da USC segundo os programas.

A outra modalidade de participación na Orquestra da USC tamén contemplada nesta convocatoria é a referida ao posto de colaborador da organización. Os candidatos e candidatas seleccionados como colaboradores poderán desenvolver ao longo do curso un traballo de xestión e aprendizaxe dos elementos de intervención na área de xestión cultural.

Perfil de participantes

Os membros da comunidade universitaria da USC que saiban tocar algún dos instrumentos citados na presente convocatoria poden presentar a súa candidatura para participar como instrumentistas da Orquestra da USC. A convocatoria tamén está aberta a estudantes de música alleos á USC, así como a calquera outra persoa que toque un instrumento. A admisión quedará supeditada á superación da audición prevista para tal efecto o día 3 de outubro, ás 21.00 horas, na Igrexa da Universidade, e na que terán preferencia os membros universitarios. A proba de audición será sen piano acompañante.

Os postos de colaborador da organización na Orquestra da USC están abertos a estudantes da USC de calquera grao ou licenciatura, preferente preferiblemente ás áreas de empresas (ADE), humanidades e/ou audiovisuais. Para optar como candidato nesta última competencia é obrigado tamén cubrir o formulario de solicitude.

Para participar no proxecto selectivo que se desenvolverá ao abeiro desta nova convocatoria de prazas da Orquestra da Universidade, as persoas interesadas poderán enviar un vídeo ao enderezo electrónico orquestra.universidade [at] usc.es (orquestra[dot]universidade[at]usc[dot]es). Os candidatos e candidatas deberán sinalar no citado correo electrónico a súa identidade e a modalidade á que queren concorrer.

Permanencia

Os participantes de instrumento como os postos de colaboradores pertencentes á USC poderán participar un máximo de 2 cursos. Para aqueles estudantes da USC os créditos que se retribúen pola participación serán de libre elección ou optativas ECTS, a razón de catro créditos no primeiro ano e dous, no seguinte. Asemade, tamén se poderá prorrogar a pertenza ao proxecto en seguintes convocatorias a criterio da Organización da OUSC e sen retribución de créditos académicos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 31.08.2017.