Ir o contido principal

Os orzamentos para 2021 acadan o consenso do Consello de Goberno que os aproba por asentimento

No seu conxunto, a planificación económica busca transformar a USC nunha universidade “máis competitiva no cambiante escenario actual, máis moderna e ao servizo da comunidade universitaria e da sociedade”, tal e como destacou o reitor Antonio López. FOTO: Santi Alvite
No seu conxunto, a planificación económica busca transformar a USC nunha universidade “máis competitiva no cambiante escenario actual, máis moderna e ao servizo da comunidade universitaria e da sociedade”, tal e como destacou o reitor Antonio López. FOTO: Santi Alvite
A USC disporá de máis de 260 millóns de euros para devolver o rol protagonista á vida universitaria
Lugo, Santiago de Compostela

As persoas, os recursos necesarios e a cooperación institucional son as liñas prioritarias sobre as que se sustentan os Orzamentos da USC para 2021. As contas da institución para o presente exercicio, aprobadas este venres en Consello de Goberno por asentimento, ascenden a 262,46 millóns de euros, a maior cifra na historia da institución. Nesta planificación orzamentaria, destaca a contención dun 15% no gasto corrente que vai permitir reforzar as políticas da institución no eido do alumnado e persoal. No seu conxunto, a planificación económica busca transformar a USC nunha universidade “máis competitiva no cambiante escenario actual, máis moderna e ao servizo da comunidade universitaria e da sociedade”, tal e como destacou o reitor Antonio López.

Tendo como referente a comunidade universitaria, a institución compostelá pretende sentar as bases da recuperación logo dos efectos da COVID-19 e buscar o restablecemento da normalidade a medio prazo. Os orzamentos poñen o acento en empregar a actual situación vinculada á pandemia como “motor dun cambio necesario no funcionamento da institucións que, se ben non é unha novidade, si que se puxo de manifesto durante o tempo que levamos xestionando esta crise”.

Dentro destas actuacións destaca a humanización dos campus, as melloras programadas no servizo de residencias, a renovación da rede de cafetarías e comedores universitarios e a reformulación destes espazos como lugares de proxección cultural que fomenten unha imaxe institucional renovada acorde aos tempos, necesidades e demandas da comunidade universitaria. No eido administrativo, o rol protagonista é para a integración dos espazos das unidades das facultades e escolas co obxectivo de crear espazos abertos que acheguen a xestión e a información ao alumnado e persoal, en particular, e á comunidade universitaria e sociedade, en xeral.

Compromiso co persoal

Estes orzamentos, que manteñen o compromiso co persoal dando continuidade aos plans plurianuais do ámbito docente investigador e de administración e servizos, impulsan unha nova USC que aposta de xeito decidido pola investigación a través de programas piloto de contratación de persoal investigador distinguido e persoal investigador predoutoral sen esquecer as medidas destinadas reducir a precariedade nese eido. O Consello de Goberno aprobou, nesta sesión, a oferta de emprego público do persoal docente e investigador para o ano 2021. A renovación e consolidación deste persoal son os eixes dunha oferta constituída por 117 prazas. Esta mesma filosofía aplicarase na próxima oferta de emprego para o persoal de administración e servizos que se atopa en trámite de negociación.

Nesta liña, o Consello tratou a reposición de prazas vacantes, así como a oferta de emprego público de 2021 para PDI integrada por 68 prazas de profesor titular, 14 prazas de profesorado contratado doutor e 35 de profesorado catedrático por quenda de promoción interna. O Consello aprobou asemade as propostas de contratación de profesorado emérito, así como as súas prórrogas; e as de nomeamento e prórroga de profesorado e persoal investigador ad honorem, entre outros aspectos.

As contas entroncan igualmente con outro dos puntos abordados nesta xuntanza do Consello de Goberno, o relativo á actualización da Programación Plurianual, documento aprobado igualmente por asentimento que incluirá unha referencia á necesidade de aprender da experiencia acumulada durante o período de incidencia da COVID-19 para conseguir unha universidade máis segura e flexible. Ademais, coa actualización incluída,  a Programación contemplará nunha perspectiva máis a longo prazo pola que a actividade universitaria deberá guiarse polos Obxectivos do Desenvolvemento Sustentable (ODS) incluídos na Axenda 2030.

Residencias universitarias

En liña coa particular atención ás persoas, aprobáronse as bases para a convocatoria ordinaria de prazas de aloxamento do Servizo Universitario de Residencias (SUR), documento de referencia no proceso de aloxamento, a partir do cal cada curso se fará pública a convocatoria ordinaria de prazas. Asemade, aprobouse a convocatoria de prazas de aloxamento para membros da comunidade universitaria ou alumnado da Universidade de Verán 2021, durante o período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de agosto deste ano. 

Postura ante a convocatoria de mestrados

O Consello de Goberno acordou non concorrer á convocatoria da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade para a mención de excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster no curso académico 2020-2021. A proposta do equipo reitoral, sancionada hoxe polo Consello de Goberno nun claro exercicio da autonomía universitaria, foi consensuada coas persoas responsables da coordinación das titulacións de mestrado e dos centros responsables das mesmas. Esta postura está fundamentada na desconformidade da institución cos termos da convocatoria da Consellaría, ao entender que non contribúe na súa formulación actual á mellora da calidade na oferta de mestrados oficiais nas universidades do Sistema Universitario Galego. 

Plan de continxencia ante a COVID

Dada  a  imposibilidade  de  predicir  a  evolución da situación  sanitaria e coa finalidade de establecer protocolos ante as distintas situacións posibles, o Consello de Goberno aprobou o Plan de continxencia para o desenvolvemento da docencia no curso 2021-22. Trátase dunha folla de ruta que contempla tres posibles escenarios: normalidade adaptada sen restricións á presencialidade física, distanciamento con restricións parciais á presencialidade física ou o hipotético peche das instalacións, no que a docencia, tanto expositiva como interactiva, desenvolveríase completamente de xeito virtual, con preferencia polos mecanismos síncronos. O documento subliña o carácter  presencial  da  docencia  na  USC, xunto coa necesaria flexibilidade para a adaptación da  actividade  universitaria  aos  diversos  escenarios,  así  como  a  consideración  ás  diferenzas  entre as titulacións que se imparten nos seus campus.

Calidade

O informe de calidade 2019-2020 tamén abordado no Consello serviu para evidenciar como entre o curso 2013-14 e o 2019-20, a USC incrementou a súa oferta de estudos de grao e máster un 8,7% (de 5.783 a 6.287), un promedio anual dun 1,24%. Asemade, na reunión aprobouse o Plan bianual de melloras 2021-2022 proposto pola Vicerreitoría de Calidade que contempla, entre outras medidas, a mellora da xestión de títulos interuniversitarios, así como retomar e implantar o programa de avaliación do profesorado, institucionalizar  unha  xornada  anual  dedicada  á  calidade  para establecer  unha  reflexión  dos  implicados  nos  sistemas  de  garantía  de  calidade respecto á súa mellora continua, realizar accións formativas sobre calidade para o PDI e o PAS, ou promover o contacto con egresados e a súa implicación na garantía da calidade do proceso ensino/aprendizaxe na USC.  

Outros asuntos

Outros puntos abordados nesta xuntanza foi a aprobación do Regulamento para a xestión de convenios e protocolos xerais de actuación na USC e o acordo sobre os procedementos de admisión aos estudos universitarios oficiais de grao na comunidade para o vindeiro curso por proposta da CIUG. Este documento recolle os requisitos de acceso aos estudos universitarios, os procedementos de admisión en graos e os criterios específicos para a adxudicación de prazas nas universidades públicas galegas.

Finalmente, o Consello autorizou a solicitude de creación dunha unidade asociada entre a USC e o Instituto de Ciencias da Vide e do Viño do CSIC, a modificación da denominación e do RRI do Centro de Estudos de Responsabilidade Social, Goberno Corporativo e Protección do Inversor da USC (CERGI), e o convenio coa Consellaría de Sanidade, o Sergas e Galaria, para a posta en marcha do Centro de fabricación de medicamentos CAR-T e a creación dunha unidade mixta de investigación na materia, así como a proposta de cesión temporal de uso de instalacións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2021.