Ir o contido principal

O outono comeza este domingo no hemisferio boreal

O outono dará comezo no hemisferio boreal este domingo, día 23, ás 11:51 horas. Ese instante vén definido polo paso do sol polo Punto Libra ou Equinoccio de Setembro, un dos dous puntos de corte da eclíptica co ecuador celeste, segundo informa o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago, José Angel Docobo Durántez. A duración do outono é de 89,84 días.
Deste xeito, o día 23 o solpor terá lugar exactamente no Oeste mentres que no amencer o sol sairá polo leste, sendo nesta xornada a duración do día igual que a da noite, como sucede no Equinoccio de Marzo. A partir de aí, explica Docobo, as noites terán maior duración que o día, chegando a ser a diferenza máxima –“9 horas de día e 15 de noite na nosa latitude”- o 22 de decembro, data na que comezará o inverno no hemisferio boreal ás 7:08 horas.
Fenómenos astronómicosEntre os fenómenos astronómicos mais sobranceiros da nova estación Docobo destaca varias choivas de estrelas: en outubro as Dracónidas (co máximo o día 9) e as Oriónidas (día 21); en novembro as Táuridas (día 4) e as Leónidas (día 17); e en decembro as Xemínidas.
Por outra banda, quen desexe observar o planeta Mercurio a simple vista terá a oportunidade de facelo “despois do solpor, en torno ao 29 de setembro, ou ben antes da saída do Sol, sobre o 8 de novembro”. Ademais, durante toda a estación Venus vai ser “o luceiro do alba” e Marte será visible todas as noites. Pola súa banda, ata decembro Xúpiter poderase contemplar logo do solpor e Saturno, irá facéndose visible “pouco a pouco”. Por último, explica Docobo, a mediados de outubro Venus e Saturno estarán en conxunción.
Apunta tamén o director do Observatorio compostelán que o Outono é unha boa época para tentar ollar a Vía Láctea, “sempre dende lugares afastados das luces das vilas e cidades”, pasando polas constelacións do Cisne, Cefeo, Casiopea, Perseo e Auriga.
O domingo 28 de outubro, adianta o profesor, producirase o troco ao horario de inverno.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2007.