O outono comezará o luns 23 ás 9.50 horas

O luns 23, concretamente ás 9.50 horas, o Sol atoparase xusto no punto Libra, atravesando o ecuador dende o hemisferio norte cara o hemisferio sur da esfera celeste. Ese instante, o equinoccio de setembro, marca o comezo do outono no hemisferio boreal da Terra e, polo tanto, a primavera no austral. Son datas nas que a duración do día e a noite practicamente coinciden, pasando esta última a gañar terreo ata o solsticio de inverno (que terá lugar ás 5.19 horas do 22 de decembro) no que a diferencia entre a noite e o día será máxima, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, José Ángel Docobo.
Pluviosidade
Remata un verán de “tempo irregular na comarca de Compostela, aínda que a cantidade total de choiva rexistrada na garita meteorolóxica do Observatorio universitario, centro colaborador da AEMET, é só lixeiramente maior á dos veráns dos últimos anos” aclara o profesor Docobo. Medíronse 110,7 litros /m2 ( 5,1 nos últimos días de xuño; 19,6 en xullo; 85,2 en agosto e 0,8 en setembro ata o día 20) pero a esta cantidade “haberá que engadir a desta fin de semana, que se agarda chuviosa, probablemente con máis de 20 litros/m2”, estima o responsable do Observatorio.
En opinión do experto, a esta “relativa baixa pluviosidade estival contribuíu o feito de que en setembro, cando menos ata o día 20, apenas choveu xa que logo as treboadas que descargaron noutros lugares de Galicia non o fixeron en Compostela”. Neste senso, sinala que entre o 17 de agosto e o 20 de setembro unicamente houbo precipitacións inapreciables. No que transcorreu do presente ano 2019, “a choiva medida non chega aos 825 litros/m2, sendo a media anual en Santiago en torno aos 1.800 litros/m2” aclara o director do Observatorio Astronómico da USC.
Temperatura
Polo que respecta ás temperaturas, durante o verán a máxima rexistrada no Campus Vida da USC foi de 32º6 (22 de xullo) e a mínima de 9º3 (12 de agosto). Rexistráronse oito xornadas nas que a temperatura máxima sobrepasou os trinta graos: catro en xullo, dúas en agosto e dúas en setembro, se ben outros sete dias estiveron moi preto desa cota (catro deles en setembro).
Astronomicamente
Dende o punto de vista astronómico, Docobo explica que na nova estación destacan varias aliñacións e conxuncións planetarias coa Lúa. Entre outras destacada por orde cronolóxica as que se producirán entre Xúpiter-Lúa-Saturno, do día 2 ao 6 de outubro; a de Xúpiter-Lúa, o 3 de outubro; Saturno-Lúa, o 5 de outubro; Lúa-Venus-Mercurio, o 29; Xúpiter-Lúa-Saturno, do 30/10 ao 3/11; e Xúpiter-Lúa, o 31 de outubro, todas elas xusto despois do solpor. Xa no mes de novembro, do día 23 ao 25 producirase a aliñación Mercurio-Marte-Lúa-Spica, visible no amencer; e outras dúas visibles no solpor, a de Venus-Xúpiter (o día 24) e a de Venus-Xúpiter-Lúa-Saturno, do 27/11 ao 1/12. Finalmente, o 11 de decembro será observable no solpor a conxunción Venus-Saturno.
En opinión do director do Observatorio Ramón María Aller “van ser boas datas” para tentar observar o planeta Mercurio a simple vista tanto arredor do 20 de outubro (logo do solpor) como nas proximidades do 28 de novembro (ao amencer). Polo que respecta á choiva de estrelas, destaca a das Xemínidas do 4 ao 17 de decembro, cun máximo o día 14. Actualmente, estanse a ver simple vista logo do solpor os planetas Xúpiter e Saturno.